Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia de Pump Track ve a luz na Cañiza

14 DE JULIO DE 2023

A primeira edición deste certame presenta catro eventos

A-Copa-Galicia-de-Pump-Track-ve-a-luz-na-Caniza-

Este domingo será un día histórico para o ciclismo na nosa comunidade. O municipio pontevedrés da Cañiza abrirá a primeira edición da Copa Galicia de Pump Track, un novo certame autonómico que reforza a aposta da Federación Ciclismo Galego polas modalidades gravity. O calendario desta competición consta de catro eventos. 

Despois da apertura desta fin de semana impulsada polo PonteBike Team, o treito final do verán resultará frenético. Para o 19 de agosto está fixado o Pump Trump Concello de Mugardos, co Pulpeiros Mugardos exercendo de equipo anfitrión. O 2 de setembro esta flamante Copa Galicia chegará á comarca de Ourense, onde se quedará ata a súa conclusión. Primeiro disputarase o I PumpTrack Nocturno Pereiro de Aguiar, da man do club Os Afiadores, e quince días máis tarde porá o broche ao calendario o I Pump Track Ourense,organizado polo Maese Riders Team. 

Este certame ofrece todas as categorías: Promesa, Principiante, Alevín, Infantil, Cadete, Júnior, Sub23, Elite e Máster 30-40-50-60. A inscrición é gratuíta para todas as categorías, excepto en Elite e Masters, que deberán abonar 10 euros para participar.

Toda a información sobre a Copa Galicia de Pump Track podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT23.

I PumpTrack A Cañiza

O alcalde Luis Piña, acompañado do Delegado Provincial da Federación Ciclismo Galego (FCG), Óscar Sánchez e Marcos Porto, responsable do club PonteBike Team e xerente de Sportskids, organizadores do evento, presentaron no Concello da Cañiza a primeira proba da Copa de Galicia de PumpTrack . Unha competición que arranca este domingo ás 11 horas no recinto do antigo Centro Comarcal Paradanta (rúa Silleda, coordenadas 42.20776839781508, -8.268103250607622). 

Na presentación, Luis Piña agredeceu ao Delegado Provincial o apoio da FCG por “contar coa nosa instalación para inaugurar o calendario de competicións na especialidade de Pumptrack”. O Alcalde tamén agradeceu ao PonteBike Team e a Sportskids a implicación co Concello para poder organizar a proba deste 16 de xullo na Cañiza.

Na súa intervención o Alcalde volveu a amosar a súa ilusión, compartida co Equipo de Goberno, por celebrar esta 1ª Pumptrack, nunha instalación inaugurada o pasado 5 de xuño por Carmela Silva, que está tendo unha gran acollida por parte dos cañicenses e de deportistas de toda a comarca e da área de influencia, Vigo e Ourense. “Dende a Gobernanza apostamos fortemente polo deporte urbano como un atractivo turístico máis dentro da Comarca, investindo nesta actuación un total de 340.602,22€, dos que 290.000,00 foron subvencionados pola Deputación Provincial a través do Plan Concellos 2022-2023 e os restantes 50.611,14€ con fondos propios”.

Unha dotación que segundo sinalou un dos colaboradores no seu deseño, o técnico Álex Durán (responsable das probas do BMX do festival O Marisquiño), é o máis completo de toda Galicia. Unha infraestrutura que suma máis de 3.300 m2 para a práctica de deporte urbano, divididos no skatepark (1.820 m2), o pumptrack (715 m2), zonas verdes (744 m2) e unha zona de acceso (26 m2).

A presentación oficial rematou coa intervención de Óscar Sánchez, Delegado Provincial da FCG que agradeceu tamén ao Concello “por ter apostado por esta disciplina, dirixindo parte dos investimentos municipais a construir esta nova instalación”. En  nome da Federación desexou ao Concello un grande éxito na celebración da proba “que nesta especialidade toma na Cañiza a alternativa neste 2023”.

Ademáis tanto o alcalde como os organizadores agradeceron a implicación neste primeiro evento dos establecementos da Cañiza Camping Cañiza, apartamentos turísticos Augusto e Finca Briabí e tamén o apoio de Augas de Mondariz, Biziebike e Rocbikecustoms.

Fonte: Concello da Cañiza

GALERÍA DE FOTOS

A Copa Galicia de Pump Track ve a luz na Cañiza
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es