31 DE AGOSTO DE 2024
Fotos: RFEC
Os dous representantes galegos na selección española de Cross Country Olímpico (XCO) deixaron o selo do seu enorme talento este venres nas carreiras Júnior do Mundial de Pal Arinsal (Andorra). Álex García e Lorena Patiño acadaron senllos resultados históricos para o ciclismo da nosa comunidade. O carballinés cruzou a liña de meta nunha magnífica sexta posición e a marinense protagonizou unha remonta brutal para clasificarse undécima.
O corredor do Academia Postal - Maceda saíu decidido a posicionarse nos postos cabeceiros dende as primeiras curvas, dando a cara en cada subida e amosando grandes doses de confianza xunto ao seu compañeiro de selección Hugo Franco. A primeira praza rápido se decidiu a prol do danés Albert Philipsen, destacado dende a primeira volta. Álex García permanecía no grupo perseguidor xunto a Franco, o danés Nikolaj Hougs e o estadounidense Nicholas Konecny. Máis tarde uniríaselles o sueco Anton Unger, a quen unha picada deixaría fóra da loita polas medallas.
Philipsen venceu con case 2 minutos de vantaxe e as diferenzas entre os cinco candidatos a acompañalos a podio foron mínimas. Hugo Franco superou na recta de chegada a Hougs e a 27" do andaluz concluíu sexto García. Unha brillante actuación coa que o ourensán, no seu último Mundial como júnior, mellora o undécimo posto logrado a pasada primavera no Campionato de Europa.
Ás portas de entrar no top-10 quedou Lorena Patiño. A corredora do XSM de Marín arrancou dende moi atrás, ao redor do posto 45, e pouco a pouco foi amosando unhas sensacionais pernas. A vixente campioa de España, no seu primeiro ano na categoría júnior, non parou de remontar posicións co paso das voltas, adiantando rivais en cada subida ata terminar undécima.
Patiño non se meteu por 38" entre as dez primeiras e terminou a 3'34 da gañadora, a eslovaca Viktoria Chladonova. Unha carreira espectacular da única representante do equipo español nesta proba e que chegou dous días despois de ofrecer outro magnífico rendemento no Team Relay. A marinense contribuíu como cuarta remudista á décima posición obtida por España.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es