07 DE MARZO DE 2023
Un total de tres Copas de España arrancaron durante a pasada fin de semana e os mellores resultados do ciclismo galego chegaron no Enduro. A armada autonómica conseguiu dúas vitorias, por medio do máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) e do máster-40 José Manuel López Vaqueiro (Cerdedo-Cotobade), e dous podios, o terceiro posto do elite Marco Veiga (CiclosQuintena) e o segundo do júnior André Martínez (Avanza-O Porriño), na Sierras Matarraña. Tamén se puxeron en marcha os certames estatais de XCO e de Estrada feminino con varios top-10 das corredoras e dos corredores da nosa comunidade.
A primeira das cinco citas da Copa de España de Enduro, que visitará Galicia ata en dúas ocasións na primavera, tivo como escenario Peñarroya de Tastavíns (Teruel). A Sierras Matarraña MTB Enduro Race ofreceu este domingo catro treitos cronometrados nun percorrido de 36 quilómetros e 1.500 metros de desnivel positivo, e o mellor rexistro dos riders galegos rubricouno Marco Veiga. O elite naronés, cun tempo final de 16:40.84, obtivo a terceira posición na táboa scratch e na elite. Quedou a 11,5" do gañador Iago Garay (LTM Racing). Entre os dez primeiros tamén rematou o vencedor da xeral elite do certame estatal o ano pasado, Mauro González (Salvaterra), sétimo na táboa absoluta e sexto na súa categoría cun crono de 16:56.91.
Outros dous corredores galegos que defenden o título nos seus grupos de idade subiron ao máis alto do caixón. Santos Lemos impúxose nos máster-30, con 15" de marxe sobre o segundo clasificado, e José Manuel López Vaqueiro venceu por unha renda de 7" nos máster-40, categoría na que Hugo Fernández (THC Bike) fixo sexto.
O cuarto podio dos nosos representantes en Teruel asinouno André Martínez logo dun axustadísimo duelo pola vitoria con Aleix Arrufat (Or Bikes) que se decantou por 54 centésimas a prol do catalán. Nesta categoría xuvenil, Raúl Romero (A Forna) logrou a oitava posición e Hugo Rosendo (Cercedo-Cotobade), a décima. A nómina de top-10 galegos completárona os sub23 David Fernández (Avanza-O Porriño) e Manuel Loureiro (Coruxo), cuarto e noveno respectivamente, e dous máster-50 do Monteboi, José Ernesto Camesella e Santiago Alonso, sexto e oitavo. A Copa de España de Enduro continuará o 26 de marzo en La Adrada (Ávila), onde estreará temporada a Selección de Galicia.
XCO en Candeleda e Melgaço
Os especialistas galegos en Cross Country Olímpico (XCO) competiron en dúas frontes. A Copa de España Cofidis botou a andar co Gran Premio Internacional Candeleda-Gredos, de clase UCI C1, na provincia de Ávila. A presenza de bikers da nosa comunidade entre os dez primeiros das súas categorías concentrouse en dúas clasificacións. Na júnior feminina, Aroa Otero (Supermercados Froiz) finalizou sexta, Marta Estévez (XSM) oitava e Uxía Soto (Supermercados Froiz) novena, mentres que nos máster-40 Jorge Aguín (Moto Bike) concluíu cuarto e Jorge Lorenzo (Límite Bierzo), noveno. Este certame celebrará a súa segunda proba esta vindeira fin de semana en Valladolid.
Por outra banda, a localidade fronteiriza de Melgaço acolleu a apertura da Taça de Portugal cun evento que tamén gozou da categoría UCI C1. Ao outro lado do río Miño chegaron cinco podios galegos. A carreira júnior masculina resolveuse con Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) na segunda posición e Alejandro García (Academia Postal-A Banca), na terceira; Iris Fernández (Academia Postal-A Banca) anotouse o terceiro posto nas cadetes; Manuel Ángel Parada (Xesteiras) acadou a terceira praza máster-30 e José Manuel González (Academia Postal-A Banca), a segunda nos máster-60.
No que respecta ás probas raíñas Elite-Sub23, Lara Lois (RG Bikes) terminou quinta e Saúl López (Academia Postal-A Banca), duodécimo.
Copa de España feminina de Estrada
Nesta fin de semana de posta en marcha de competicións na península ibérica, a Copa de España femininina Cofidis de Estrada activouse en Noja (Cantabria). O certame que visitará Pontevedra a finais deste mes, o domingo 26, deixou para as ciclistas galegas un balance de dous postos de top-10. A cadete Alejandra Neira (Cambre) cruzou a liña de meta na novena posición e na carreira júnior Xiana Camiña asinou a sétima praza no bautizo do Becani, o equipo feminino creado polo Club Ciclista Betanzos. A segunda xornada deste certame levará ás corredoras o vindeiro día 19 a Beasain (Guipúscoa).
Fotos: RFEC / Federaçao Portuguesa / C.C. Betanzos
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es