Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Enduro galego presenta varias candidaturas aos títulos no arranque da Copa de España

06 DE MARZO DE 2024

Tres segundos postos e un terceiro na Reino de los Mallos

O-Enduro-galego-presenta-varias-candidaturas-aos-titulos-no-arranque-da-Copa-de-Espana

Foto: RFEC

O certame estatal máis galego activouse este domingo na provincia de Huesca. A Copa de España de Enduro volve contar este ano con dúas citas na nosa comunidade -Endurrazo e Montefaro- e na súa apertura catro riders que se desprazaron dende Galicia subiron ao podio. iso si, a vitoria resistíuselle á representación autonómica na Reino de los Mallos Enduro Race. 

A localidade oscense de Riglos acolleu un evento internacional de clase C3. No percorrido de 35 quilómetros e 1.350 metros a segundo mellor marca de todos os participantes asinouno Marco Veiga (CiclosQuintena). O tempo de 12 minutos e 21 segundos do naronés só o mellorou o tamén elite Gabriel Torralba (Reino de los Mallos). O corredor local venceu con 22" de marxe. O caixón elite completouno o valenciano Borja Pérez (Eagle Patrol), a 25" do gañador, e 5" máis investiu o salvaterrense Mauro González (Salvaterra de Miño), cuarto na táboa scratch . Polo tanto, dous galegos entre os catro primeiros. 

Nas categorías masculinas rexistráronse outros dos segundos postos dos nosos riders. Co décimo terceiro tempo na xeral, David Fernández (Avanza - O Porriño) quedou a 19" do triunfo nos sub-23, clasificación dominada polo canario Marcos Doniz (VadeBicis). En canto aos máster-40, o vasco Endika Arizmendiarreta (Arauntza) venceu con 44" de vantaxe sobre Pedro Dapena (CiclosQuintena). Tamén asinaron prazas de top-10 o júnior Raúl Romero (A Forna) -décimo, e os máster-50 Jose Ernesto Camesella (Monteboi) -quinto- e o seu compañeiro de equipo Santiago Alonso -oitavo-.

As mulleres galegas presentaron dúas candidaturas aos títulos máis. Alba Arias (CiclosQuintena) finalizou cuarta nas elites, separándoa 6" do podio, e a terceira posición júnior ocupouna Arantxa Gómez (OsdoSacho). A vitoria absoluta obtívoa a sub-23 asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike).

A Copa de España de Enduro trasladarase o 7 de abril á comarca pontevedresa do Morrazo para que o Endurrazo 2024 exerza de segunda xornada. 

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es