Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid

11 DE MARZO DE 2024

Lorena Patiño e Alejandro García mantiveron opcións de vitoria ata o final. Manuel Parada e Jorge Aguín gañaron nos seus grupos de idade e son líderes

Dous-segundos-postos-juniors-e-dous-triunfos-masters-balance-galego-na-Copa-XCO-de-Valladolid

Fotos: RFEC

Por segunda fin de semana consecutiva a Copa de España XCO Cofidis tivo cita en Castela e León. Esta vez foi en Valladolid, no circuíto do Cerro de Las Contiendas, e con maior presenza galega que na apertura do certame estatal da especialidade olímpica. Máis bikers da nosa comunidade e máis éxitos, con dous segundos postos nas carreiras Júnior e dúas vitorias acompañadas de liderados nos grupos de idade Máster. 

Despois de non participar o domingo anterior en Candeleda, ao optar por competir no evento C1 de Melgaço (Portugal), os dous campións de España galegos que compiten este ano nas categorías juniors estreáronse na Copa de España de Cross Country Olímpico do 2024 e ambos pugnaron ata o final por subir ao máis alto do podio. O carballinés Alejandro García (Academia Postal - Maceda) cruzou a liña de meta a só 2 segundos do andaluz Hugo Franco (La Nucía BH), que na quinta e última volta rachou a unidade no grupo de sete corredores que comandou a proba. O terceiro chanzo do caixón ocupouno o vasco Eneko Olveira (JRG Norclamp), terceiro a 10" do gañador e novo líder da xeral. 

A batalla polo triunfo nas juniors femininas converteuse nun man a man entre Lorena Patiño (XSM) e a mexicana Cynthia Guadalupe Martín (Gobik). A marinense, de primeiro ano na categoría, cedeu 7" na primeira das catro voltas e remataría finalmente a 19" da corredora que vestía a camisola de líder. A balear Neus Capella (X-Sauce) concluíu terceira, a máis de 1 minuto da galega, e a porriñesa Aroa Otero (Supermercados Froiz) fixo quinta. 

imagen

As dúas vitorias masters do noso XCO no Gran Premio Ciudad de Valladolid seguiron guions diferentes. Nos 30, Manuel Ángel Parada (Xesteiras) soltou na última volta ao murciano Ramón Giménez (Sumgasur) e logrou un trunfo que lle permite asaltar o máis alto do ranking logo da súa terceira praza en Candeleda. O biker de Aguiño está empatado a 355 puntos co manchego Agustín Fernández (3HCycles). Samuel Baña (Xesteiras) terminou décimo neste grupo de idade.

imagen

O maillot de líder xa o lucíu no Cerro de Las Contiendas o grovense Jorge Aguín (Moto Bike), intratable de novo nos máster-40. Nesta ocasión bateu cunha diferenza de 59" ao andaluz José María Guerrero (Geebee Team) e a xeral domínaa con 113 puntos de vantaxe respecto ao murciano Jorge Fajardo (JP García Komcycling), sétimo en Pucela. En canto aos máster-50, José Manuel Pérez (Caimanes Betanzos) completou a carreira na décima posición.  

imagen

Os outros top-10 galegos da xornada rubricáronos Irene Trabazo (XSM) -5ª-, Susana Alonso (Extol-Zambora.es) -6ª- e Uxía Soto (Extol-Zambora.es) -8ª- na competición elite e sub-23, e a cadete Lara Pita (Cambre) -9ª-. A Copa de España regresará en abril para a disputa do Gran Premio X-Sauce na localidade madrileña de Alpedrete durante os días 20 e 21. 

Máis información

 

GALERÍA DE FOTOS

Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid
Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid
Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid
Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid
Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid
Dous segundos postos juniors e dous triunfos masters, balance galego na Copa XCO de Valladolid
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es