Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia de Descenso 2024 lanzouse chea de enerxía no DH Molinos

25 DE MARZO DE 2024

O máster-30 Iván Mourelo e a elite Juana Vidal marcaron os rexistros scratch na baixada de O Páramo

A-Copa-Galicia-de-Descenso-lanzouse-chea-de-enerxia-no-DH-Molinos

Pola calidade do circuíto e pola cifra de participación a Copa Galicia de Descenso 2024 comezou voando alto. O certame máis vertixinoso do noso BTT abriu o seu calendario con enerxías renovadas no DH Molinos. A cita celebrada este sábado polo DH Galicia no concello lucense de O Páramo tivo como gran dominador ao anfitrión Iván Mourelo.

O máster-30 da entidade organizadora marcou o mellor rexistro da xornada nunha baixada que presentou un aspecto incrible. Despois dun inverno moi adverso no climatolóxico, o percorrido estaba impecable. Non había nin un desperfecto provocado polas cuantiosas chuvias dos últimos meses. O arduo traballo dos membros do DH Galicia permitiu que 117 riders atoparan un escenario ideal para ofrecer a súa mellor versión.

Longo e con moitos saltos, o trazado resultou tan intenso como esixente. O seu deseño puxo de manifesto que os integrantes do club local son todos corredores desta especialidade e un deles exhibiuse na final. Iván Mourelo asinou o scratch ao deter o cronómetro en 3:33, 394. A sete segundos do primeiro líder máster-30 da Copa Galicia finalizou o seu compañeiro de equipo Jorge Luis López -3:40,691- gañador Elite e moi preto do segundo clasificado absoluto quedou o máster-30 Carlos Díaz (CiclosQuintena) cun tempo de 3:40,941. O top-5 completárono o elite Sergio Peleteiro (Moto Bike) e o máster-30 Manuel Pellón (BDM), cuarto e quinto respectivamente. 

A canteira promete

Xoel Pereira (Bici Verde) levouse a vitoria sub-23 nun axustadísimo duelo con David Fernández (Avanza - O Porriño) resolto por 16 milésimas. Hai que subliñar o nivel ofrecido polas categorías de base, con prometedoras incorporacións. Gael Ferro (Bici Verde) bateu por pouco máis de medio segundo a Raúl Romero (A Forna) na categoría júnior, Mario Barreiro (VK Bikes) impúxose nos cadetes e Dani Fernández (THC Bike), nos infantís. En canto aos masters-40 triunfou Rubén Piñeiro (Mesoiro) e nos máster-50, Ricardo Escudero (Poio Bike).

A competición feminina tamén arrancou con forza ao alcanzar a cifra de sete inscritas. A elite Juana Vidal (Moto Bike) foi a máis rápida cunha marca de 4:56,675 que lle permitiu superar a Eva Castro (FCG) -5:01,898-. A vencedora júnior Arantxa Gómez (OsdoSacho) fixo terceira -5:05,605- por diante da máster-30 Dillen Alisonne (DH Galicia). Quinta scratch finalizou Desiree Fernández (RSBike), outra elite como Alejandra Chapela (VK Bikes) ocupou o sexto posto e á júnior Alexia Santervas (A Forna) correspondeulle o sétimo. 

Durante a cerimonia de podio repartíronse once camisolas de líderes, conmemorativas do Campionato de Europa de Ciclocrós que se celebrará este ano en Pontevedra. Á marxe da Copa Galicia premiouse como primeiro clasificado na proba de Enduro a Alejandro Pérez (Maese Ourense). 

imagen

A próxima cita do Descenso na nosa comunidade chegará o 28 de abril en Verín co DHI Pozo do Demo, evento puntuable para a Copa de España, e o calendario autonómico regresará o 5 de maio no Descenso Cidade de Santiago. Toda a información sobre a Copa Galicia podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaDHI24.

Clasificación

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es