Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Brandán Márquez e Raquel Román inauguran o palmarés de Friol na Transgalaica

12 DE ABRIL DE 2024

A corredora do Bici Verde e Diego Álvarez (V Bikes) chegan como líderes á última proba

Brandan-Marquez-e-Raquel-Roman-inauguran-o-palmares-de-Friol-na-Transgalaica

Foto: Toño Villar

A carreira que este ano se estreaba no calendario do circuíto Transgalaica disputouse o pasado domingo na provincia de Lugo. O maratón Concello de Friol ofreceu un percorrido de 69 quilómetros na súa primeira edición e o seu palmarés inaugurárono Raquel Román (Bici Verde) e Brandán Márquez (V Bikes). A cuarta e penúltima cita puntuable non provocou cambios no máis alto das clasificacións individuais. 

Por un minuto e medio de vantaxe, o elite Brandán Márquez superou na liña de meta ao máster-40 Daniel Regueiro (Milagrosa). A terceira posición na táboa xeral correspondeu ao elite Ignacio Casal (Extol). Unha diferenza case idéntica, neste caso 1'26, bastou á líder Raquel Román para facerse co triunfo feminino no duelo que protagonizou coa tamén elite Eva Ortega (Extol). A máster Rebeca Muñoz (Xesteiras) apuntouse o terceiro posto. En canto á Transgalaica do Futuro, Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) venceu por diante de Iker Nuevo (La20Veinte) e de Pablo Rivas (RSBike), segundo e terceiro respectivamente. 

A falta dunha proba puntuable, a do 21 de abril en Manzaneda, as clasificacións deste circuíto de desafíos XCM continúan comandadas por Diego Álvarez (V Bikes), Raquel Román e Iker Nuevo. Ningún dos tres ten a primeira posición matematicamente asegurada. 

Clasificacións

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es