Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño

15 DE ABRIL DE 2024

O conxunto ourensán impúxose nas probas raíñas coa sub-23 Sarela Conde e o elite Saúl López

O-Academia-Postal---Maceda-domina-baixo-un-sol-de-xustiza-na-Copa-Galicia-XCO-do-Porrino

Fotos: Luz Iglesias

Primeira fin de semana do 2024 con dobre ración de Cross Country no calendario autonómico. O sábado celebrouse a apertura da temporada de Mini BTT e o domingo a segunda xornada puntuable da Copa Galicia XCO. Dúas citas organizadas pola A.D. Avanza no mesmo escenario, no circuíto da Forna, que máis ben foi un forno. 

As altas temperaturas, máis propias do verán que de mediados de abril, non derreteron a capacidade de traballo dos membros do club anfitrión nin o ánimo dos máis de 600 bikers que en total pedalearon nos dous eventos. Baixo un sol de xustiza, no IV Trofeo XCO Concello do Porriño brillou con luz propia o Academia Postal - Maceda. A formación ourensá asinou tres triunfos, dous deles nas carreiras raíñas.

O monfortino Saúl López, sexto o domingo anterior na Taça de Portugal de clase UCI C1 en Abrantes, dominou con autoridade na carreira elite e sub-23 masculina. O gañador os dous anos anteriores no trazado de Budiño venceu con 3 minutos e 17 segundos de vantaxe respecto a Rubén Deaño (Ourense Termal), novo líder. Nunha proba moi esixente polo percorrido e pola calor, Alberto Pedreira (Bici Verde) fixo terceiro e o seu paisano porriñés Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) entrou cuarto. A emoción concentrouse na pugna pola quinta praza e a vitoria sub-23, un pulso que se resolveu por 14" a prol de David Fernández (Avanza - O Porriño) ante Fabián Rodríguez, que continúa comandando a xeral da categoría.  

imagen

O outro éxito absoluto do Academia Postal tivo como protagonista a Sarela Conde. A sub-23 macedá tamén abriu a súa conta de triunfos nesta edición do certame galego da especialiade olímpica. O primeiro posto no Porriño acadouno fronte a dúas líderes, superando por case 4' a Sofía Álvarez (Cambre) e por 8' á élite Juana Vidal (Moto Bike). 

A tripla de vitorias do conxunto de Maceda completounou o cadete Marcos Rodríguez con medio minuto de marxe sobre Lucas Blanco (Cambre) nun dos duelos máis apaixoantes do día. Nas outras dez carreiras ergueron os brazos na liña de meta Marta Utrera (Armenteira e Punto) e Guillermo García (Avanza - O Porriño) en Infantil, Lara Pita (Cambre) nas cadetes, Lorena Patiño (XSM) e Martín Díaz (Caimanes Betanzos) en Júnior, Manuel Parada (Xesteiras) en Máster-30, Silvia García (Bici Verde) e Jorge Aguín (Moto Bike) en Máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) en Máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60. 

imagen 

Esta nómina de gañadoras e gañadores coincide coa de líderes, excepto en dúas categorías: Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) mantense primeira na xeral cadete e Samuel Baña (Xesteiras), na máster-30. A entrega de trofeos e de camisolas da Copa contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; dos concelleiros Abel Estévez e José Carlos González; representantes da Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño; membros da xunta directiva da A.D. Avanza; e do secretario da Federación Ciclismo Galego, David Carrillo. 

A Copa Galicia descansa a vindeira fin de semana, ao disputarse a terceira cita da Copa de España, e regresará o sábado 27 de abril cunha estrea no calendario, o XCO Samieira. 

imagen

Toda a información deste certame pode seguirse no seu apartado web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO24.

Clasificacións

 

GALERÍA DE FOTOS

O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño
O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño
O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño
O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño
O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño
O Academia Postal - Maceda domina baixo un sol de xustiza na Copa Galicia XCO do Porriño
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es