Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Daniel García e Susana Alonso conquistan o Xurés na apertura da Copa Galicia XCM

09 DE JUNIO DE 2025

Dez bikers vestíronse de líderes en Muíños

Daniel-Garcia-e-Susana-Alonso-conquistan-o-Xures-na-apertura-da-Copa-Galicia-XCM

Fotos: Xurés Bike Tour / Concello de Muíños

O Xurés Bike Tour ofreceu unha fin de semana completa de Cross Country Maratón no sur da provincia de Ourense. O sábado celebrouse unha marcha cicloturista con epicentro en Bande e o domingo disputouse o primeiro desafío puntuable da Copa Galicia XCM. Dous bikers da categoría elite, Daniel García (Xesteiras) e Susana Alonso (Extol-Zambora.es), reinaron no Muíños Bike Marathon.

Despois dun ano de paréntese, o certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego para fondistas da bicicleta de montaña volveu a escena cun percorrido de 60 quilómetros no evento organizado por Noko 360 Sports Consulting. Os altos de Mau de Salas, O Salgueiro, Porto da Lama, Outeiro de Leiras e Bustelo foron as principais subidas nun trazado no que se acumulaban 1.600 metros de desnivel positiva. A calor foi outro factor que marcou a proba. 

imagen

Cun tempo de 2 horas 47 minutos e 17 segundos, Daniel García cruzou a liña de meta na primeira posición scratch. O corredor de Catoira mantivo un igualado duelo co tamén elite Diego Marnotes (Extol-Zambora.es), do que finalmente se distanciou en 50 segundos. A 5 minutos e medio do gañador absoluto, o máster-50 Francisco Xavier López Cedrón (Milagrosa) chegou terceiro con 17" de marxe respecto a Antonio Rodríguez (Ourense Termal) no vibrante man a man pola vitoria no seu grupo de idade. O top-5 completouno o elite Javi Busto (Extol-Zambora.es). 

No resto de categorías masculinas apuntáronse os triunfos Santiago Otero (XSM) nos Júnior, Pablo Maceiras (Cambre) nos Sub-23, Francisco Baña (Cidade de Santiago) nos Máster-30, Santiago Pérez (Sportbike Verín) nos Máster-40 e José Ramón López (Cambre) nos Máster-60. 

imagen

A pauta entre as mulleres marcouna Susana Alonso. A mosense pedaleou durante 3 horas 26 minutos e 17 segundos pola Serra do Xurés para cumprir cos prognósticos. A segunda praza, a 3:22 da representante do Extol-Zambora.es, asinouna Raquel Román (Bici Verde) e o terceiro chanzo do podio elite ocupouno Mar Delgado (Monteneme-Calvo), a 5:40 da primeira clasificada. A vencedora nas máster-50 Mónica Campagna (Ancares Bike) finalizou cuarta na táboa global feminina e Nuria Senra (Narón), quinta, tamén subiu ao máis alto do podio como triunfadora máster-40.

A Copa Galicia de XC Maratón repartiu dez camisolas de líderes na súa apertura e regresará no mes de setembro. De novo na provincia de Ourense, o IV XCM Audi Selection Plus Concello de Piñor exercerá o día 7 de segunda e penúltima cita puntuable. 

Toda a información sobre este certame autonómico podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

imagen

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

Daniel García e Susana Alonso conquistan o Xurés na apertura da Copa Galicia XCM
Daniel García e Susana Alonso conquistan o Xurés na apertura da Copa Galicia XCM
Daniel García e Susana Alonso conquistan o Xurés na apertura da Copa Galicia XCM
Daniel García e Susana Alonso conquistan o Xurés na apertura da Copa Galicia XCM
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es