Aida Valiño e Gustavo Rodríguez, parella de ouro no Campionato de Galicia CRI

26 DE SEPTIEMBRE DE 2021

Dobrete do Lasal Cocinas-Louriña en Baños de Molgas coa elite lucense revalidando a coroa feminina e o elite tudense marcando o mellor rexistro de todos os participantes

Aida-Valino-e-Gustavo-Rodriguez-parella-de-ouro-no-Campionato-de-Galicia-CRI

Foto: Yaiza Fernández Pérez

Ciclistas de dezanove categorías competiron este domingo no Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual (CRI), que por segundo ano consecutivo se celebrou na localidade ourensá de Baños de Molgas. Os grandes triunfadores entre os 256 inscritos foron os membros dunha parella que defende as cores do Lasal Cocinas-Louriña. A elite lucense Aida Valiño revalidou a coroa feminina e o elite tudense Gustavo Rodríguez marcou o mellor rexistro de todos os participantes nun percorrido de 19 quilómetros.

O Club Ciclista Ourensano, en colaboración co Grupo Depootivo ADO Moure-Pro Deporte e a Federación Ciclismo Galego (FCG), organizou este evento que se puxo en marcha coa saída do paraciclista Alberto Abalde (Paraciclismogalicia) e que rematou cinco horas máis tarde co sub23 Borja Gómez (Ponteareas) sendo o último participante en entrar en acción.

O mellor tempo da xornada no circuíto con inicio e final no Santuario de Nosa Señora dos Milagres asinouno Gustavo Rodríguez. Semanas despois de subir ao podio dos Xogos Paralímpicos de Tokio como guía de triatlón, o excorredor profesional de estrada detivo o cronómetro en 26 minutos e 6 segundos. Esa marca outorgoulle a vitoria na categoría elite cunha vantaxe de 1:07 sobre Aser Estévez (Team Oiense Turonia Maglia) e de 1:14 respecto ao seu compañeiro de equipo Iago Alonso (Lasal Cocinas-Louriña).

O segundo e o terceiro crono na clasificación absoluta do campionato protagonizáronos dous corredores máster-30. Damián Ramos (Norinver) impúxose na súa categoría cun rexistro de 26:50, rebaixando en 15” o tempo de Daniel Regueiro (Chantadino).

En canto ás mulleres, as tres máis rápidas foron ciclistas elite. Aida Valiño, defensora do título, repetiu éxito ao completar os 19 km en 30:56. A corredora de Castroverde bateu por 36 segundos a María Jesús Barros (Spol) e por 1:17 a Aida García (Team Farto-BTC).

No resto de categorías venceron María Filgueiras (Caimanes Betanzos) e Sergio Calvo (Emico-Erbi Bembibre) en cadetes; Laura Mira (Avanza-O Porriño) e Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas) en juniors; Carla Fernández (Team Farto-BTC) e Ivan Dias (Lasal Cocinas-Louriña) en sub23; Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) nas máster-30; Rocío Rey (Máster da Louriña) e Diego Álvarez (MTC) en máster-40; Juan Vigil (Astorga) nos máster-50, proclamándose campión autonómico Roberto Salvado (Bicis Oliveira); Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60; Alberto Abalde en MC2, Ángel López (Inclusivo Enki) en MH2, Alejandro González (Inclusivo Enki) en MH3, Álvaro Illobre (Pulpeiros Mugardos) en MH4 e Iván Montero (Paraciclismogalicia) en MH5.

A cerimonia de entrega de premios e de camisolas do último Campionato de Galicia de estrada desta temporada contou coa presenza de Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas, que estivo acompañado por Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; Carlos Moure, presidente do G.D. ADO Moure-Pro Deporte; e José Abalo e Jacobo Ucha, técnicos da FCG.

Clasificacións 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es