Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Festival do Padronés Cortizo como local na apertura da Copa Galicia de Estrada Elite e Sub-23

06 DE ABRIL DE 2024

O asturiano Ramón Fernández venceu na Clásica de Pascua con dous minutos de vantaxe respecto a un sexteto composto integramente por corredores do equipo anfitrión

Festival-do-Padrones-Cortizo-como-local-na-apertura-da-Copa-Galicia-de-Estrada-Elite-e-Sub-23

Fotos: Concello de Padrón

Tal e como aconteceu o ano pasado, a Copa Galicia de Estrada Elite e Sub-23 comezou cunha exhibición colectiva do Padronés Cortizo na Clásica de Pascua. O conxunto organizador copou este sábado as sete primeiras posicións na liña de meta da vila rosaliana. O recital local encabezouno o asturiano Ramón Fernández, gañador con algo máis de dous minutos de vantaxe respecto a un sexteto composto integramente por ciclistas do conxunto anfitrión. Nin os máis vellos do lugar recordan algo similar nas 61 edicións desta proba. 

A Clásica de Pascua reuniu nesta ocasión a 83 participantes que tomaron a saída na capital do Sar ás 13:00 horas para emprender un percorrido de 131 quilómetros que discorreu polos municipios de Padrón, Dodro, Rianxo e Rois. Os primeiros ataques no tramo inicial víanse freados polo vento de fronte, aínda que este rolou a favor superado o centro urbano de Rianxo e a carreira saltou polo aire. Camiño do Alto de O Palleiro, formouse unha avanzada de quince corredores cunha ampla representación do Padronés Cortizo, entre os que se atopaba Ramón Fernández.

imagen

Superado o ecuador da carreira, a escuadra dirixida por Marcos Serrano meteu unha marcha máis para seleccionar a fuga e empezar a eliminar rivais da loita pola vitoria. Foi no terceiro paso por Formarís cando se produciu a fuga da fuga; Ramón Fernández abriu gas e ninguén foi capaz de seguirlle o ritmo. Quedaban 50 quilómetros por diante e o elite asturinano iniciaba a súa propia contra o reloxo individual para chegar ao pé da subida a Augasantas cunha vantaxe de algo máis dun minuto, unha renda que seguiu medrando. 

Cun tempo de 3 horas 6 minutos e 8 segundos, Ramón Fernández ergueu os brazos na tradicional recta final da chaira de O Souto. A 2'03 do vencedor concluíu un minipelotón do Padronés Cortizo. Nesa media ducia de corredores que entraron na meta festexando o éxito do seu equipo, o sub-23 balear Marc Torres fixo segundo e o sub-23 ribeirense Alejandro Paz, terceiro. Xunto a eles concluíron Carlos Gutiérrez, Manuel Rodríguez, Samuel Flórez e Maksym Bilyi. O primeiro clasificado que non pertence ao conxunto local foi Andrés Ripoll (HighLevel - Gsport), oitavo a 2'49 do vencedor.  

imagen

O recital do Padronés Cortizo extendeuse ás clasificacións complementarias: Samuel Flórez levouse a Montaña, Ramón Fernández logrou a camisola das Metas Volantes e os pupilos de Marcos Serrano lideraron a táboa por equipos. Só se lles escaparon os Sprints Especiais, que se adxudicou Andrés Ripoll.

A Copa Galicia Elite e Sub-23 regresará o 2 de xuño na Volta Ciclista ao Baixo Miño. Toda a informacón sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada24 e na súa sección dentro da nosa páxina web

Clasificacións

Fonte: Padronés Cortizo

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Festival do Padronés Cortizo como local na apertura da Copa Galicia de Estrada Elite e Sub-23
Festival do Padronés Cortizo como local na apertura da Copa Galicia de Estrada Elite e Sub-23
Festival do Padronés Cortizo como local na apertura da Copa Galicia de Estrada Elite e Sub-23
Festival do Padronés Cortizo como local na apertura da Copa Galicia de Estrada Elite e Sub-23
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es