Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Clásica de Pascua endurece o seu percorrido coa subida a Augasantas

04 DE ABRIL DE 2024

Padrón acolle o sábado a 61 edición desta histórica carreira que lanzou ao profesionalismo aos seus dous últimos vencedores

A-Clasica-de-Pascua-endurece-o-seu-percorrido-coa-subida-a-Augasantas

Padrón reparte estes días o seu fervor entre o ciclismo e a Semana Santa. Como marca a tradición, coincidindo co penúltimo día das festas da localidade, a vila rosaliana acollerá este sábado unha nova edición da Clásica de Pascua, unha carreira que xa é toda unha relixión na localidade desde fai máis de seis décadas.

Organizada polo Club Ciclista Padronés, a Clásica de Pascua-Memorial Francisco Rodríguez Pazos cumpre 61 anos, reivindicándose como a proba máis veterana do calendario galego, e farao incluíndo novidades no seu percorrido para engadirlle un pouco máis de emoción a unha cita que proxectou ao profesionalismo aos seus dous últimos vencedores: Sinuhé Fernández e Eric Fagúndez. Os agora corredores do Burgos BH proclamáronse campións tras lanzar o seu ataque na Pereira, aínda que este ano a carreira podería romper no alto de Augasantas, un ascenso mítico que se incorpora ao percorrido de Pascua tras resultar determinante en anteriores edicións da Rutas Xacobeas de Copa de España. Esta durísima subida de case 3 quilómetros, cunha pendente media próxima ao 10% e con picos por encima do 20%, tamén será escenario o próximo 28 de agosto do paso da Volta, na etapa que terá como punto de partida e chegada o Campus Tecnolóxico de Cortizo. Cando o pelotón chegue a Augasantas, restarán 20 quilómetros a meta e un último paso por Formarís, que xa sería coroado previamente ata en tres ocasiones, ademais das cotas de Bexo e O Palleiro que se intercalarán na primeira hora de carreira. O percorrido deste ano contará con 131 quilómetros con orixe e chegada en Padrón, discorrendo tamén polos municipios de Dodro, Rianxo e Rois.

imagen

A Clásica de Pascua volverá ter claro acento galego. Ademais de ser puntuable para o ranking estatal, será a primeira das catro probas que forman parte da Copa Galicia de Estrada, polo que estarán representadas todas as escuadras elite e sub-23 da comunidade. Entre elas, o equipo anfitrión, o Cortizo, que tratará de revalidar o título conseguido nas últimas dúas edicións. Recoñece o seu presidente, Tanis Vázquez, que haberá “moita competitividade” e que as modificacións incluídas “endurecerán máis” unha proba que aspira a “seguir lanzando ao profesionalismo aos vencedores” como nos dous anos precedentes; desexando que nesta ocasión “o trofeo volva quedarse na casa”. O sábado cara ás 16:30 horas, e coas atraccións e os visitantes da Pascua como testemuñas, coñeceremos quen é o sucesor de Sinuhé Fernández, o ciclista asturiano que erguía os brazos hai un ano na chaira de O Souto outorgándolle o título ao Padronés.

Fonte: Departamento Comunicación Cortizo 

GALERÍA DE FOTOS

A Clásica de Pascua endurece o seu percorrido coa subida a Augasantas
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es