Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Damián Ramos asina a primeira vitoria galega na historia da Copa de España Máster de Estrada

19 DE JULIO DE 2022

O corredor do Norinver encabezou a clasificación máster-30 no concello asturiano de El Franco

Damian-Ramos-asina-a-primeira-vitoria-galega-na-historia-da-Copa-de-Espana-Master-de-Estrada

En Asturias, preto da fronteira coa nosa comunidade, un corredor galego conseguiu o pasado domingo o que ningún outro representante autonómico lograra na historia da Copa de España Máster de Estrada. Damián Ramos (Norinver) subiu ao máis alto do podio máster-30 no Trofeo Máster El Franco, proba que pechou o certame estatal por esta temporada.

Nunca un ciclista con licenza de Galicia se impuxera na clasificación dun grupo de idade nunha proba do calendario da Copa de España Máster e o palmarés autonómico estreouno Ramos nun percorrido de 89,8 quilómetros con 1.200 metros de desnivel acumulado. O coruñés acadou a terceira praza absoluta facendo valer a súa punta velocidade nun grupo composto por outros cinco ciclistas, entre eles o tamén máster-30 Valentín Azcona (Noja). 

Dez segundos antes de que o corredor do Norinver e os seus acompañantes cruzaran a liña de meta, Jose Carlos Canelo (Guadiana) ergueu os brazos como vencedor absoluto. O máster-40 extremeño marchouse en solitario no ascenso ao Alto de la Rebollada e gañou con 5" de marxe respecto ao segundo clasificado, o tamén máster-40 Isidro García (Huerces). 

O triunfo de Ramos no seu grupo de idade chegou na primeira aparición do ciclista da Coruña esta temporada na Copa de España. Os 25 puntos sumados situárono na undécima praza da xeral final dun certame que constou de nove eventos. 

Do resto da participación galega no concello asturiano de El Franco destacar a décima posición máster-30 de Javier García (San Ramón de Vilalba), mentres que o mellor máster-40 da nosa comunidade foi Diego Álvarez (MTC), undécimo no seu grupo de idade. 

Clasificación

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es