Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia Elite e Sub-23 toma as estradas na primavera

01 DE ABRIL DE 2024

Clásica de Pascua, Volta ao Baixo Miño, Comarca Brigantina e GP Concello do Porriño compoñen o calendario

A-Copa-Galicia-Elite-e-Sub-23-toma-as-estradas-na-primavera

As clásicas da nosa comunidade dispútanse na primavera. Catro esixentes carreiras forman neste 2024 o calendario da Copa Galicia Elite e Sub-23 de Estrada, un certame que arranca este sábado e resolverase a mediados de xuño. O asturiano Sinuhé Fernández, agora profesional no Burgos BH, e o arousán Martín Rey foron os gañadores dos rankings finais a pasada campaña. 

O Padronés-Cortizo, o equipo que no 2023 dominou as dúas clasificacións da Copa, exercerá de anfitrión na cita inaugural. A Clásica de Pascua, na súa 61ª edición, repartirá as dúas primeiras camisolas de líderes. O trazado de 131 quilómetros comezará a percorrerse a partir das 13:00 horas. 

As outras tres probas concéntranse en xuño. O domingo 2 volve a Volta Ciclista ao Baixo Miño logo da súa estrea en 2023. A carreira creada polo Club Ciclista Oiense terá este vez como epicentro a localidade de A Guarda.

A Copa Galicia regresará á provincia da Coruña o sábado 15, concretamente a Betanzos, para abrir unha fin de semana que será definitiva. O primeiro asalto nunha marxe de 24 horas chegará na 28ª Vuelta a la Comarca Brigantina do Club Ciclista Betanzos e o domingo resolveranse as clasificacións do certame autonómico en terras pontevedresas, no GP Concello da Porriño. A cita organizada polo Máster da Louriña repartiu o ano pasado os títulos de campións de Galicia e esta vez coroará aos gañadores dunha competición na que todas as carreiras son puntuables para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo. 

Toda a informacón sobre a Copa Galicia Elite e Sub-23 podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada24 e na súa sección dentro da nosa páxina web

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es