Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Volta a Galicia, o escenario da estrea do Green Team

16 DE SEPTIEMBRE DE 2024

A innovación, que foi probada con éxito na rolda elite e sub-23, pretende impulsar a protección do medio natural nas carreiras ciclistas

A-Volta-a-Galicia-o-escenario-da-estrea-do-Green-Team

Fotos: Asier Torrado

A Volta Ciclista a Galicia foi o escenario da estrea do Green Team, unha iniciativa que busca reducir a pegada ambiental do ciclismo. A etapa do domingo , entre Sanxenxo e Portonovo, viviu a posta de longo dunha idea nada en Emesports e que xa se tratou de implementar durante O Gran Camiño.

O Green Team consiste en achegar ao pelotón, nun momento adecuado no transcurso da carreira, a ciclistas e exciclistas que, pilotando bicicletas eléctricas, recollen os residuos que os corredores van gardando nos petos das súas camisolas. Papeis ou envoltorios de barritas enerxéticas, xeles e material de avituallamiento, acaban en ocasións nas cunetas das estradas. A pesar dos esforzos dos organizadores das probas ciclistas por recoller eses residuos, o vento entorpece en moitas ocasións esa recolección. Co Green Team asegúrase que nada acaba contaminando ao paso da carreira e que, á vez, a experiencia dos exciclistas que forman parte do Green Team non entorpece o desenvolvemento da mesma. Nesta ocasión, os integrantes deste pelotón verde foron Gustavo César Veloso, Gonzalo Rabuñal, Samuel Blanco, José Manuel Oliveira e Ezequiel Mosquera.

imagen

O Gran Camiño, no seu desexo de innovar e mellorar o desenvolvemento das carreiras ciclistas, xa presentou este proxecto á UCI hai dous anos para tentar poñelo en marcha na proba que se desenvolve en Galicia no mes de febreiro. Este ano seguirán os intentos para que sexa unha realidade na edición de 2025 de OGC. Segundo Ezequiel Mosquera, responsable de Emesports e director xeral do Gran Camiño, “poucos deportes hai tan integrados no medio natural como o ciclismo. É a nosa responsabilidade facer o posible por deixar ao noso paso todo tal e como estaba antes do desenvolvemento da carreira. Nos últimos anos habilitáronse zonas de recollida deses residuos, pero é complicado facelo ao 100% en moitas xornadas. Co Green Team asegurámonos de que o ciclista deixe os plásticos e papeis no mellor lugar, sen que iso inflúa no desenvolvemento da carreira”. Na actualidade, as solucións ás que se recorren nas carreiras non garanten a recollida de todos os desperdicios producidos polo pelotón.

O proxecto, que tivo na Volta a Galicia a súa primeira aplicación práctica con éxito, necesita do aval da UCI para poder estrearse no Gran Camiño. Segundo Ezequiel Mosquera, o ensaio foi un paso máis na loita por un ciclismo sostible. “Queremos seguir innovando nun deporte onde aínda hai marxe de mellora. Pasámonos o ano pensando en cuestións que poidan mellorar a carreira para logo poder aplicalas no Gran Camiño. A carreira é o lugar onde reflectimos moitas horas de traballo previo e moito esforzo que realizamos por esta nosa gran paixón que é o ciclismo. Sería marabilloso que en 2025, unha idea como esta que levamos madurando dous anos, poida ser xa unha realidade nunha carreira co mellor do pelotón internacional” afirmou.

Fonte: Emesports

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es