12 DE MAYO DE 2025
Fotos: Concello de Rois
Por primeira vez esta temporada, as catro categorías da Copa Galicia do Porvir coincidiron no mesmo evento. Foi o pasado sábado no concello coruñés de Rois, onde o Club Ciclista Padronés Cortizo organizou o XVIII Premio Ciclista do Santo Isidro - Trofeo Suso Blanco Villar 2025. O Cambre, con tres triunfos parciais e outras tantas camisolas de líderes, dominou unha cita para a que se inscribiron un total de 116 ciclistas.
Todas as categorías celebraron a segunda xornada puntuable no calendario da Copa Galicia do Porvir e en dúas rexistrouse cambio no máis alto da xeral. Lois Gómez (Avanza - O Porriño) asaltou o primeiro posto da táboa júnior logo de impoñer o seu final no desenlace do percorrido de 68 quilómetros. O gañador formou parte dun grupo de cinco unidades que se presentou na recta de meta con 1 minuto de vantaxe respecto aos seus perseguidores. Enrique Pérez (Teis) e Néstor Frías (Padronés Cortizo), segundo e terceiro respectivamente, ocuparon os outros dous chanzos do podio ao entrar por diante de Santiago Agüero (Voltia-Lvcus Avgusti), cuarto, e Alejandro González (Cambre), quinto.
Tamén hai novo líder nos cadetes, pero neste caso non é o vencedor en Rois, senón un compañeiro de equipo. Os brazos ergueunos Héctor Rodríguez (Cambre) no axustado esprint que protagonizou con José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas) ao remate do itinerario de 53 km. A terceira praza obtívoa Lucas Blanco (Cambre) e os puntos sumados permítenlle situarse ao mando da xeral.
As dúas carreiras femininas da Copa Galicia de Porvir tiveron como gañadoras ás mesmas corredoras do Cambre que na primeira xornada puntuable en Boiro. Inés Santalla acadou a vitoria cunha ampla vantaxe na proba júnior, mentres que no man a man polo segundo posto Irene Signo (La Sede - Tenerife) superou a Nerea Suárez (Carballo).
En canto ás cadetes, Vega Aldrey triunfou en solitario e tres ciclistas xogáronse nos últimos metros acompañar á líder na entrega de premios. Tania Rodríguez (Teis) apuntouse a segunda praza, Leire García (Lynalfa-Ponteareas) fixo terceira e Antía Torres (Teis), cuarta.
A seguinte xornada da Copa Galicia do Porvir chegará para as dúas categorías de cadetes e para a júnior feminina o 24 de maio en Carballo. Nesa mesma localidade tamén se disputará a seguinte proba para os júniores masculinos, o 30 de agosto no marco da Challenge xuvenil. Toda a información sobre esta competición coordinada poloa Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
O programa do Trofeo Suso Blanco Villar completouse coa carreira elite e sub-23 feminina. A sub-23 Daniela Isidoro (Baloise) bateu á elite María Jesús Barros (Supermercados Froiz) e o terceto de cabeza pechouno a elite Iria Nieto (Team Oiense). O día de ciclismo de Estrada proposto polo Padronés Cortizo comezara pola mañá co XVII Trofeo Sponsor en Padrón, un evento para as Escolas que reuniu a uns 150 participantes.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es