02 DE NOVIEMBRE DE 2025
Fotos: RFEC / Luz Iglesias
O díptico vasco da Copa de España de Ciclocrós tivo esta fin de semana como un dos seus grandes protagonistas a un cadete galego. Guillermo García (Avanza-O Porriño) defendeu a camisola de líder da xeral con dúas vitorias, o sábado no circuíto alavés de Amurrio e o domingo no biscaíño de Karrantza. Un 'dobrete' que adquire aínda máis valor polas impresionantes cifras de participantes que alcanzou esta categoría: 144 rapaces no primeiro día e 116 no segundo.
O noso CX leva un pleno de triunfos esta temporada nas carreiras cadetes masculinas do certame estatal. Guillermo García gañou na apertura da Copa de España en Gijón e Pedro Cidrás (XSM) impúxose en Marín. O representante da formación porriñesa chegou a Euskadi comandando a xeral e amosouse intratable. O sábado bateu nos metros finais do Amurrioko Ziklo-Krossa ao valenciano Marc Sancho (Sumistock) e a 27 segundos dos dous primeiros completou o podio o madrileño Asier Gómez (Salchi). Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas) foi o segundo mellor representante da nosa comunidade ao rematar sétimo.
Este domingo, no XXXII Ciclocross Internacional de Karrantza, Guillermo García venceu en solitario con 19" de marxe respecto a Asier Gómez, que se adxudicou ao esprint o duelo pola segunda praza con Pedro Cidrás. Deste xeito, dous corredores galegos pisaron o caixón en Biscaia e no balance autonómico Aarón Rodríguez repetiu presenza no top-10, nesta ocasión no noveno posto.

A dobre cita en Euskadi significou o inicio da temporada de ciclocrós e a estrea na categoría sub-23 de Lorena Patiño (Cardedeu), dobre campioa de España júnior. A marinense finalizou como mellor sub-23 os dous días. En Amurrio fixo quinta absoluta, a 1:20 da gañadora Lucía González (Nesta-MMR), e en Karrantza concluíu cuarta, a 1:22 da vencedora Sofía Rodríguez (Nesta-MMR). Ás portas de meterse entre as dez primeiras quedou o sábado María Filgueiras (XSM), undécima, terminando sexta entre as sub-23. No que respecta á proba raíña masculina, o elite Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) obtivo dúas sextas prazas.

Outros resultados sobranceiros asináronos as cadetes Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas), sétima en Amurrio, e Vega Aldrey, décima en Karrantza; e as júniores Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), undécima o sábado e décima o domingo, e Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas), undécima o segundo día.
Máster
Os grupos de idade Máster contaron cun galego e unha galega que non se baixaron do podio durante a fin de semana. Eloy Otero (In Situ) continúa como líder M50 despois de colleitar dous segundos postos. En Amurrio cruzou a liña de meta 7" por detrás do valenciano Jordi Reñe (Big Bikes) e 24 horas máis tarde escapóuselle por medio minuto o vasco Manu Quintanilla (Ciclos Yurrebaso).

Pola súa banda, a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team) rubricou a segunda posición o sábado e a terceira o domingo. En ambas carreiras dominou con claridade Felisa Ares (Ciclista Corredor) e en Karrantza o segundo posto correspondeu á cántabra Sonia Respuela (Castañeda).

Entre os máster-40 destacaron Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) e Jose Rodríguez (Norinver), quinto e oitavo respectivamente en Amurrio, así como Xacob Agra (Lynalfa-Ponteareas), décimo en Karrantza. En canto aos máster-30, Jonathan Sousa (In Situ), logrou a novena praza o domingo tras a undécima na véspera.
A Copa de España regresará coa súa quinta xornada puntuable o 16 de novembro na localidade madrileña de Alcobendas.
CICLOCROSS
FORMACIÓN
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17 
  36209 Vigo (Pontevedra) 
 Tel.: 986.22.41.58 
   federacion@fgalegaciclismo.es