Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx

11 DE OCTUBRE DE 2021

Os campións estatais Lucía González e Felipe Orts venceron nas probas raíñas do evento internacional C2 celebrado en Marín

Laura-Mira-e-Ricardo-Buba-asinan-un-dobre-exito-galego-nas-carreiras-juniors-do-XaxanCx

Fotos: Difusion ProSport

O ciclocrós galego despediu a súa fin de semana internacional este domingo no XaxanCx. Dúas vitorias juniors, de Laura Mira (Supermercados Froiz) e Ricardo Buba (Couruxo), sobresaíron na actuación dos ciclistas da nosa comunidade en Marín. O evento da categoría UCI C2 organizado polo XSM tivo dous gañadores de luxo nas súas carreiras raíñas, aos campións estatais da categoría elite Lucía González (Nesta) e Felipe Orts (Burgos BH). 

O primeiro representante autonómico que subiu ao podio na sesión matinal desquitouse do sabor agridoce que lle deixou o sábado o Gran Premio Cidade de Pontevedra. Ricardo Buba rematou cuarto no circuíto da Illa da Esculturas e 24 horas máis tarde conseguiu un prestixioso éxito na liña de meta de Chan de Gagán. O gondomareño do Coruxo venceu nun esprint con tres protagonistas. Carlos Gámez (Llica) entrou segundo e Raúl Mira (Teika), gañador na cidade do Lerez, fixo terceiro. Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas), sexto a 1:38, foi o outro galego que terminou entre os dez primeiros. 

Tampouco quedara satisfeita Laura Mira coa súa actuación en Pontevedra, onde as avarías deixaron á porriñesa fóra do top-10 da súa categoría. Sen problemas mecánicos en Marín, a do Supermercados Froiz impúxose entre as juniors e ademais ocupou a oitava praza na clasificación absoluta. A 22 segundos da gañadora xuvenil concluíu a súa compañeira de equipo Uxía Soto, décima no global da carreira, asinando un dobrete para a formación alimenticia. O terceiro chanzo do podio ocupouno Nicole Castillo (La Torreta).

A mellor galega no prato forte do programa feminino foi Carla Fernández (Team Farto-BTC). Segunda sub23, por detrás da francesa Olivia Onesti (Star Casino), a viguesa ocupou o sétimo posto na clasificación absoluta que dominou a vixente campioa estatal Lucía González. Gañadora tamén en Pontevedra, a asturiana volveu dobregar a Aida Nuño (Río Miera) e terceira concluíu a belga Laura Verdonschot (Pauwels Sauzen).

Feijoo, cuarto

Do mesmo xeito que na C1 do sábado, Iván Feijoo (BH Templo) rozou o caixón elite. O alaricano repetiu no cuarto posto, esta vez a 39 segundos do terceiro clasicado, Kevin Suárez (Nesta), e a 1:12 do vencedor Felipe Orts. O campión de España ergueu os brazos con medio minuto de vantaxe sobre David Van der Poel (Alpecin).

Ademais de Feijoo, outros cinco galegos aparecen entre os 20 mellores da carreira raíña masculina: Anxo Carril (Coruxo), 12º e 6º sub23; Fabián Rodríguez (Supermercados Froiz), 14º e 7º sub23; Samuel González (Máis Que Bicis), 15º e 8º elite;  Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), 16º e 8º sub23; e Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), 18º e 9º elite. 

Catro podios cadetes

A quenda do resto de categorías chegou pola tarde, probas que se disputaron dentro do XaxanCX, pero de clase 1.33.5. A competición cadete feminina resolveuse con tres galegas no máis alto da táboa. María Filgueiras (Río Miera) sumou o seu segundo triunfo da fin de semana e de novo tivo como principal rival a Aroa Otero (Avanza-O Porriño). Laura Patiño (Team Farto-BTC), mellorando un posto respecto o día anterior, logrou a terceira praza. O éxito do ciclocrós autonómico neste grupo de idade abrangueu aos rapaces, con Tomás Pombo (Cambre) facendo segundo por detrás de Canor Arboleya (Unicaja Gijón).

En canto ás carreiras masters, houbo dúas vitorias de ciclistas da comunidade anfitrioa. Marina González (Illas Cíes) adxudicouse a proba das mulleres e Antonio González (Salvaterra) a dos máster-60. O cadro de gañadores da xornada completárono o asturiano José Luis Blanco (Cangas de Onís) nos máster-30, o portugués Rogerio Matos nos máster-40 e o madrileño José Luis Rebollo (Bikery) nos máster-50. 

Clasificacións completas

Clasificacións C2

Clasificacións 1.33.5

GALERÍA DE FOTOS

Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
Laura Mira e Ricardo Buba asinan un dobre éxito galego nas carreiras juniors do XaxanCx
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es