Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Uxía Soto e Miguel Rodríguez pechan en Santiago unha fin de semana redonda do Froiz na Copa Galicia

24 DE OCTUBRE DE 2021

A júnior e o sub23 do conxunto alimenticio impuxéronse con autoridade nas probas estrela da cuarta xornada do certame autonómico de ciclocrós.

Uxia-Soto-e-Miguel-Rodriguez-pechan-en-Santiago-un-fin-de-semana-redondo-do-Froiz-na-Copa-Galicia

Foto: G.D. Supermercados Froiz

A XX edición do Trofeo de Ciclocross Cidade de Santiago tivo como grandes triunfadores este domingo a dous ciclistas que non chegan á vintena de anos. A júnior Uxía Soto e o sub23 Miguel Rodríguez anotáronse a vitoria nas carreiras raíñas da cuarta xornada da Copa Galicia. Un dobrete do Supermercados Froiz co que o conxunto alimenticio pechou unha fin de semana redonda. 

Se o sábado en Betanzos a máis forte entre as mulleres foi a xuvenil Laura Mira, ao día seguinte a súa compañeira de equipo Uxía Soto non deu opción ao resto de corredoras elite-sub23 e juniors. A ponteareá impúxose con autoridade no circuíto deseñado polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela ao carón do estadio Vero Boquete. Cun tempo de 43 minutos e  56 segundos, a ciclista do Supermercados Froiz celebrou cun minuto de vantaxe respecto á líder sub23 Carla Fernández (Team Farto-BTC) a súa primeira vitoria desta campaña no certame autonómico de ciclocrós. 

A terceira praza correspondeu a Mira, que conserva a camisola da Copa, e a cuarta á tamén júnior Sofía Álvarez (Cambre). En sétima posición finalizou a gañadora elite Isabel Castro (Condado Bike), unha categoría na que María Jesús Barros (Spol) mantense á fronte do ranking malia só poder ser 13ª no circuíto da capital galega. 

Puxanza sub23

Outro triunfo ponteareán, e tamén lucindo as cores do Supermercados Froiz, asinouno Miguel Rodríguez. A proba estrela do programa masculino confirmou que os sub23 veñen pisando moi forte e o líder dese grupo de idade mantivo a súa condición de invicto. Fíxoo cunha exhibición.

Rodríguez, de 18 anos, cruzou a liña de meta cando o reloxo marcaba 55 minutos e 59 segundos, distanciándose en case dous minutos e medio de David Fernández (Avanza-O Porriño), corredor sub23 ao igual que o terceiro clasificado absoluto Fabián Rodríguez (Supermercados Froiz) e que o cuarto, Zoe del Río (XSM).

O líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal) ampliou a súa vantaxe na xeral ao rematar quinto e volver impedir a vitoria na súa categoría a Luis Fernández (Avanza-O Porriño), un duelo que nesta ocasión non se resolveu ao esprint como en Betanzos, senón por 48 segundos de diferenza. O podio elite volveuno completar Alejandro González (Monteneme), noveno na táboa absoluta. 

Vitorias vestidos de líderes

No resto de categorías apuntáronse os triunfos as corredoras e os corredores que defendían a súa condición de líderes, agás dúas excepcións. A primeira chegou na carreira cadete feminina con Aroa Otero (Avanza-O Porriño) subindo ao chanzo máis alto do caixón e María Filgueiras (Río Miera), a ciclista que encabeza o ranking, ocupando a terceira posición. Tampouco puido vencer o primeiro clasificado na xeral máster-40, Andrés Calvete (Monte Xalo), que concluíu segundo en Santiago a 13" do gañador Uxía Canosa (Os Esfola Arrós). 

Os líderes que si sumaron os 150 puntos que recibe o vencedor de cada categoría foron o cadete Tomás Pombo (Cambre), o júnior Ricardo Buba (Coruxo), a máster-30 Montserrat Martínez (Oiense), o máster-30 Jonathan Sousa (In Situ), a máster-40 Rocío Blanco (A Forna), o máster-50 Antonio Sousa e o máster-60 Antonio González (Salvaterra).

Despois desta intensa fin de semana, a Copa Galicia regresará na ponte de Todos os Santos de novo cunha dobre cita na provincia da Coruña. O domingo 31 celébrase o XII Ciclocross Concello de Cambre e o luns, día 1 de novembro, o V Ciclocross Val de Esmelle en Ferrol.

Clasificacions por tempos

Clasificacións Santiago

Copa Galicia 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es