13 DE OCTUBRE DE 2022
Fotos: CX Lago de As Pontes / El Pelotón
O calendario de citas internacionais de ciclocrós en Galicia chegou ao seu ecuador este mércores nun escenario espectacular. Ao carón do lago artificial das Pontes de García Rodríguez estreouse un circuíto que os corredores con maior bagaxe internacional afirmaron que nada ten que envexar aos das probas da Copa do Mundo. A belga Laura Verdonschot e o alacantino Felipe Orts dominaron as carreiras Elite-Sub23.
O evento de clase UCI C2 organizado polo Club Ciclista Vilalba-As Pontes permitiu aos especialistas autonómicos medirse a ciclocrosistas chegados dende outros puntos de España, Francia, Italia, Bélxica, Países Baixos... Dúas subidas tipo 'muro' e un paso pola area eran os puntos máis singulares no percorrido da primeira edición do Ciclocrós Internacional Lago das Pontes. As carreiras raíñas da xornada puideron seguirse en directo a través da TVG2.
A proba feminina, na que as juniors compartiron pelotón coas elite-sub23, ofreceu un duelo a tres bandas entre Laura Verdonschot, Asia Zontone e Lucía González. A elite belga, gañadora o domingo no XaxanCX, foi a máis forte na última volta, impoñéndose por diante da sub23 da selección italiana e terceira rematou a asturiana do Nesta-MMR e vixente campioa de España elite.
A novena praza correspondeu a Irene Trabazo, o que permitiu á elite do XSM sumar puntos UCI. Uxía Soto cruzou a liña de meta na 13ª posición, facéndose coa vitoria entre as juniors. A ponteareá do Supermercados Froiz estivo escoltada no podio da súa categoría por dúas compañeiras de equipo: Aroa Otero e Marta Estévez.
A carreira estrela masculina supuxo a primeira vitoria da temporada do campión de España elite. Felipe Orts asumiu o mando na primeira volta e o xa non o soltou ata vencer con comidade en solitario. O corredor do Burgos-BH avantaxou en 49 segundos ao sub23 neerlandés Luke Verburg, que bateu no esprint polo segundo posto ao representante do combinado azzurro Lorenzo Masciarelli. O elite Iván Feijoo (Academia-Postal Maceda), undécimo, asinou o mellor resultado entre os galegos mentres que os sub23 Anxo Carril (Coruxo) e Ricardo Buba (Drone Hopper-Gsport), 14º e 15º respectivamente, tamén remataron no top-15 absoluto.
A terceira quenda con puntos UCI en xogo, a dos juniors masculinos, tivo como gañador ao francés Gloux Fantin. Outro xuvenil galo, Hippolyte Loete, fixo segundo e Carlos Gómez, actual líder da Copa de España, obtivo a terceira posición. O carballés Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) acadou o seu mellor resultado desta campaña, quinto, quedándose a 22" de subir ao podio.
Cadetes e masters
As vitorias galegas da xornada chegaron nas competicións cadetes e masters. Lorena Patiño (XSM) mantivo a súa condición de invicta este curso entre as rapazas cadetes e Néstor Frías (Avanza-O Porriño) inaugurou a súa conta de éxitos nos rapaces cadetes. Os outro triunfos autonómicos colleitáronos Andrés Calvete (Monte Xalo) nos máster-40, Paula Blanco (Monte Xalo) nas máster-40 e Manuel Dorrio (Cambre-Caeiro) nos máster-60. No resto de categorías Máster subiron ao máis alto do caixón ciclocrosistas de Asturias: Miguel Llaneza (Canyonbikes) nos máster-30, Beatriz Megido (Canyonbikes) e Marco Prieto (Nesta) nos máster-50.
O ciclocrós internacional en Galicia continuará este sábado en Ribadumia e vivirá o seu último capítulo por este ano o domingo en Sanxenxo.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es