Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio

05 DE NOVIEMBRE DE 2022

A cadete e a máster-40 dominaron as súas categorías na cuarta xornada da Copa de España de Ciclocrós. A júnior Sarela Conde e os máster-40 Andrés Calvete e Constantino Muñoz, os outros podios galegos.

Lorena-Patino-e-Marina-Gonzalez-triunfan-en-Llodio-

A fin de semana vasca da Copa de España comezou este sábado en Llodio con dúas vitorias e outras tres presenzas no podio do ciclocrós galego. A cadete Lorena Patiño (XSM) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes) impuxéronse nas súas categorías no histórico circuíto alavés, onde Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) obtivo a terceira posición nas juniors e dous representantes da nosa comunidade, Andrés Calvete (Monte Xalo) e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), escoltaron ao gañador máster-40. A cuarta xornada do certame estatal contou coa ausencia dos convocados pola selección española para o Campionato de Europa, entre eles seis ciclocrosistas de Galicia. 

O pleno de triunfos de Lorena Patiño continuou no XXXIV Ciclocrós Internacional de Llodio. Invicta tanto na Copa de España como no resto do calendario desta temporada, a líder da xeral cadete avantaxou nesta ocasión á valenciana Leyre Almena (Fundación Teika) en 21" e terceira finalizou a vasca Nahia García (Café Dromedario), a 1:54 da corredora de Marín. Entre as dez primeiras clasificarónse outras dúas galegas: Alejandra Neira (Cambre) e Alba Gregores (Ponteareas), sétima e oitava respectivamente. 

A segunda vitoria da 'armada' da nosa autonomía desprazada ata Euskadi asinouna a vixente campioa estatal máster-40 Marina González. A verinesa, gañadora no CX Pontevedra a principio de outubro, bateu á líder Ruth Moll (Oviedo.es) por 19". Na xeral, despois de que a ciclista do Illas Cíes non participara a pasada fin de semana en Les Franqueses, a diferenza a prol da asturiana sitúase en 20 puntos. 

Os grupos de idades máster aportaron dous podios máis á colleita galega en Llodio. Na proba máster-40 masculina, Andrés Calvete e Constantino Muñoz protagonizaron un duelo pola segunda praza que se resolveu por 9" a prol do cambrés. Por diante deles, Isaac Suárez (Nesta) dominou con case 2' de marxe e con esta vitoria o cántabro amplia a 10 puntos a súa vantaxe no ranking da Copa respecto ao corredor do Monte Xalo. Dentro do top-10 meteuse un terceiro representante do noso ciclocrós, Moisés Leboso (G.D.10), que fixo noveno. Por outra banda, Miguel Porto (Ponteareas) rematou oitavo. 

Evento C1

A cita alavesa goza do nivel C1 no calendario da Unión Ciclista Internacional e compartindo grella de saída con ciclocrosistas estranxeiras que buscaban puntos UCI estivo Sarela Conde na proba Elite-Sub23-Júnior feminina. A de Maceda, 21ª na táboa absoluta, logrou a terceira praza entre as xuvenís e subiu ao caixón xunto á vencedora Marta Cano (Primaflor) e a Natalia Alonso (Bicicletas Meta). A elite asturiana Lucía González (Nesta) foi a máis forte nesta quenda. En canto á carreira Elite-Sub23 masculina, o mellor resultado galego no triunfo do cántabro Kevin Suárez (Nesta) correspondeu a Samuel González (Máis Que Bicis) ao cruzar a liña de meta na 12ª posición.

Este domingo a Copa de España trasladarase á provincia de Biscaia para a disputa do XXIX Ciclocross Internacional de Karrantza, evento de clase C2. 

Máis información e clasificacións 

Páxina da Copa de España

GALERÍA DE FOTOS

Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio
Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio
Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio
Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio
Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio
Lorena Patiño e Marina González triunfan en Llodio
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es