Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal

13 DE NOVIEMBRE DE 2022

A estrutura ourensá impúxose nas carreiras raíñas co elite Saúl López e a júnior Sarela Conde

O-Academia-Postal-Maceda-colleita-exitos-entre-vinedos-na-Copa-Galicia-do-Rosal

Fotos: Luz Iglesias

 A Copa Galicia de Ciclocrós viviu unha experiencia diferente este sábado na súa quinta cita da temporada. Na XXIV edición do Trofeo Montes de Eiras, o Club Ciclista Rosal estreou un novo circuíto que percorre os viñedos da adega Terras Gauda. Un escenario nunca visto na nosa comunidade e no que o Academia Postal-Maceda foi o equipo que se apuntou unha mellor colleita de triunfos. 

A solleira xornada no Baixo Miño subiu o pano co corte de cinta no que participaron Antón Fonseca, vicepresidente executivo de Terras Gauda; Germán Fernández, concelleiro de Deportes do Rosal; José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; David Carrillo, presidente da Xunta Xestora da Federación Ciclismo Galego; Alberto Sobrino (presidente) e José Carlos Fernández (directivo) do Club Ciclista O Rosal; e Ángel Madrazo, corredor profesional de estrada e convidado de luxo a este evento. 

O ciclista cántabro do Burgos BH formou parte do pelotón Elite-Sub23 que rodou entre viñedos, unha carreira dominada por partida dobre polo Academia Postal-Maceda. O monfortino Saúl López abriu a súa conta de vitorias desta campaña na Copa Galicia de Ciclocrós ao superar por 18" ao seu compañeiro de equipo Iván Feijoo. A terceira posición, a 1 minuto e 10 segundos do gañador absoluto, correspondeu a Anxo Carril (Coruxo), o primeiro sub23. Cuarto finalizou o elite Xavier Meizoso (Narón) e o top-5 pechouno Samuel González (Máis Que Bicis), líder elite da Copa. Na mesma quenda, André Martínez (Avanza-O Porriño) triunfou entre os juniors. 

A proba raíña feminina Elite-Sub23-Júnior tivo por terceira vez no que vai desta temporada a Sarela Conde como a ciclista máis forte. A xuvenil do Maceda impúxose por 36" de marxe respecto á vencedora entre as elites María Jesús Barros (Team Oiense Women), quen bateu por 5" á líder elite Eva Ortega (Extol). A xuvenil Xiana Camiña (Avanza-O Porriño) e a elite Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), cuarta e quinta respectivamente, completaron os cinco primeiro postos e Sonia Domínguez (Team Farto), oitava, cruzou a liña de meta como primeira sub23. 

O chanzo máis alto do podio no Rosal tamén o pisaron como gañadoras e gañadores das súas categorías Uxía Bautista (Avanza-O Porriño) e Samuel Castiello (Unicaja) en cadetes; Miguel Porto (Ponteareas) nos máster-30; Marina González (Illas Cíes) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-40; María del Carmen Armada (Farto) e Antonio Sousa en máster-50; e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

A vindeira xornada da Copa Galicia disputarase o sabado que vén en Barbadás e a terras ourensás chegará portando as camisolas de líderes Lorena Patiño (XSM) e Raúl Puelles (Avanza-O Porriño) en cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Anxo Carril en sub23, Eva Ortega e Samuel González en elites, Iria Nieto (Compostelano) e Miguel Porto en máster-30, Paula Blanco (Monte Xalo) e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en máster-40, María del Carmen Armada e Antonio Sousa en máster-50, e Manuel Dorrio (Cambre) nos máster-60.

Clasificacións

Páxina da Copa Galicia 

GALERÍA DE FOTOS

O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
O Academia Postal-Maceda colleita éxitos entre viñedos na Copa Galicia do Rosal
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es