Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño outorga á Selección de Galicia de Ciclocrós a súa primeira vitoria da temporada

14 DE NOVIEMBRE DE 2022

María Filgueiras, compartindo podio con Aroa Otero e Uxía Soto, e Isabel Castro asinaron os outros dous triunfos galegos na Copa de España de Tarancón. Miguel Rodríguez logrou a terceira posición nos Elite-Sub23 e Laura Mira, a terceira nas Sub23

Lorena-Patino-outorga-a-Seleccion-de-Galicia-de-Ciclocros-a-sua-primeira-vitoria-da-temporada

A sexta xornada da Copa de España supuxo a estrea da Selección de Galicia de Ciclocrós na temporada 2022-2023 e o combinado autonómico non puido arrancar o seu calendario de mellor xeito. Lorena Patiño, a líder invicta do certame estatal, encabezou este domingo a actuación do grupo de once cadetes que a Federación Ciclismo Galego (FCG) desprazou á localidade manchega de Tarancón. O primeiro posto da xeral tamén o defenderon con triunfos a júnior María Filguerias (XSM), superando ao dúo do Supermercados Froiz formado por Aroa Otero e Uxía Otero, e a máster-50 Isabel Castro (Condado Bike). O balance de sete podios para a representación da nosa comunidade contou con dous terceiros postos do Supermercados Froiz nas carreiras raíñas: Miguel Rodríguez pisou o caixón Elite-Sub23 e Laura Mira, o Sub-23. 

Das cinco ciclocrosistas cadetes que a Selección de Breogán presentou no circuíto Juan Carlos de la Ossa, catro terminaron no top-8. A marinense Lorena Patiño continúa abonada á primeira posición e no II Ciclocrós Internacional Ciudad de Tarancón impúxose por 40" de vantaxe respecto á castelán-leonesa Lydia Castro (Meruelo). A terceira praza correspondeu á valenciana Leyre Almena (Teika) nunha carreira na que Galicia demostrou a fortaleza do seu bloque ao clasificarse Alejandra Neira quinta, Iris Ferández sétima e Alba Gregores oitava. Lara Pita tamén completou a proba (20ª).

Outra sobranceira actuación colectiva rubricaron os cadetes masculinos que representaron á FCG. Os seis corredores que dirixiu o seleccionador Alberto del Río metéronse entre os 20 primeiros. Xián Alvariño e Néstor Frías, quinto e sexto respectivamente, quedáronse a menos de medio minuto de subir ao podio, mentres que Santiago Otero concluíu duodécimo, Mauro Vega décimo sexto, Raúl Puelles décimo noveno e Darío Buceta vixésimo. 

Tripla galega

Como vén sendo a tónica habitual esta campaña, as tres primeiras juniors foron galegas. María Filgueiras realizaba a súa primeira defensa da camisola de líder e solventouna erguendo os brazos na liña de meta. A 34" da betanceira do XSM terminou a porriñesa Aroa Otero e 13" máis tarde entrou a ponteareá Uxía Soto. Ademais do segundo e do terceiro posto, o Supermercados Froiz obtivo o décimo por medio de Marta Estévez. 

As juniors compartiron quenda coas Elite-Sub23 e na táboa absoluta María Filgueiras ocupou a oitava posición, o que lle otorgou 4 puntos UCI ao tratarse dun evento C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional. Máis puntos (15) para o ranking mundial sumou Irene Trabazo (XSM), cuarta na clasificación absoluta e na Elite-Sub23. A marinense finalizou xusto por diante da asturiana Alicia González, corredora profesional de estrada no Movistar Team. 

A proba raíña feminina deixou outra boa nova para as ciclocrosistas da nosa comunidade coa terceira praza Sub23 de Laura Mira. A porriñesa do Supermercados Froiz, duodécima no global da carreira, acompañou no podio á valenciana Sara Bonillo e á cántabra Marta Beti (Río Miera), gañadora no grupo de idade. 

Na frutífera colleita de éxitos femininos galegos non podía faltar, tal e como acontece sempre que compite a nivel estatal, o triunfo da ponteareá Isabel Castro nas máster-50. A líder do ranking exhibiuse ao distanciarse en 8'10" de Raquel Montañés (Fuenlabrada), segunda tanto en Tarancón como na xeral, e terceira fixo a tamén madrileña Sonia Ortega (EnBici).

Podio internacional

A carreira Elite-Sub23 masculina serviu para confirmar que Miguel Rodríguez vai a máis. O corredor do Supermercados Froiz pisou por primeira vez esta campaña o podio da Copa de España e co premio extra de tratarse dun evento internacional. Segundo sub23 por detrás do seu compañeiro de equipo Gonzalo Inguanzo, o ponteareán bateu no esprint pola terceira posición absoluta ao asturiano Mario Junquera (Unicaja). O triunfo, por terceira xornada consecutiva, non o deixou escapar o líder elite Kevin Suárez (Nesta). 

O certame estatal non se move do centro da meseta e o vindeiro domingo celebrará a súa sétima e antepenúltima cita na localidade madrileña de Alcobendas. 

Máis información e clasificacións

Páxina da Copa de España 

GALERÍA DE FOTOS

AUDIOS NOTICIA

  • IMG_5089.jpg

  • IMG_5481.jpg

  • IMG_5454.jpg

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es