As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas

20 DE NOVIEMBRE DE 2022

A cadete Lorena Patiño, a júnior Aroa Otero e a máster-50 Isabel Castro impuxéronse na sétima cita da Copa de España, mentres que Laura Mira foi a mellor sub23. No apartado masculino, segundos postos do sub23 Miguel Rodríguez e do máster-40 Andrés Calvete

As-galegas-vencen-en-catro-das-sete-categorias-femininas-do-Ciclocross-Internacional-de-Alcobendas

As mulleres galegas non deixan de acaparar triunfos na Copa de España de Ciclocrós 2022. Este domingo, na sétima e antepenúltima xornada do certame estatal, as corredoras da nosa comunidade terminaron primeiras en catro das sete categorías femininas que se disputaron no Ciclocross Internacional Ciudad de Alcobendas. A este póker de éxitos na Comunidade de Madrid contribuíron a cadete Lorena Patiño (XSM), a júnior Aroa Otero (Supermercados Froiz), a máster-50 Isabel Castro (Condado Bike) e Laura Mira (Supermercados Froiz) como mellor sub23. A cuarta posición de Irene Trabazo (XSM) nas elites e dous segundos postos masculinos, o de Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) nos sub23 e o de Andrés Calvete (Monte Xalo) nos máster-40, completan o balance de resultados sobranceiros asinados pola armada autonómica

A carreira Elite-Sub23-Júnior feminina gozou da condición de proba de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional. Ao igual que o domingo pasado, Irene Trabazo cruzou a liña de meta na cuarta posición, nesta ocasión a 25" da terceira clasificada Sara Cueto (Unicaja) e 21" por diante de Alicia González (Movistar), que fixo quinta. A marinense non subiu ao podio, pero sumou 15 puntos UCI.

A sétima posición absoluta asinouna Aroa Otero, gañadora júnior. A porriñesa colleitou a súa segunda vitoria desta temporada na Copa de España ao dominar o seu grupo de idade con 55" de vantaxe sobre a vasca Nahia Arana (Seguros Bilbao) e terceira finalizou a catalá Laia Bosch (Costa Brava). Despois de dous triunfos consecutivos, a betanceira María Filgueiras (XSM) apuntouse a cuarta praza en Alcobendas e continúa como líder destacada. Entre as dez primeiras tamén remataron Uxía Soto e Marta Estévez, ambas do Supermercados Froiz, oitava e novena respectivamente. 

O conxunto alimenticio logrou outro primeiro posto nesta carreira con Laura Mira, a mellor sub23. A porriñesa do Supermercados Froiz, novena na táboa absoluta, superou no seu grupo de idade por 13" á valenciana Sara Bonillo e por 20" á cántabra Marta Beti (Río Miera).

Os puntos UCI tamén estaban en xogo na competición Elite-Sub23 masculina. Por segunda fin de semana consecutiva, o sub23 Miguel Rodríguez tivo como rival pola terceira praza ao elite Mario Junquera (Unicaja). Se en Tarancón o ponteareán levouse o cara a cara ao esprint, no circuíto madrileño o asturiano abriu un oco a metade da proba que o galego non puido recuperar. A diferenza entre os dous na meta foi de 18" e o ciclista do Supermercados Froiz, ademais da cuarta posición absoluta, concluíu como segundo sub23, grupo de idade encabezado polo seu compañeiro de equipo Gonzalo Inguanzo. 

Cadetes e masters

Unha xornada máis da Copa de España dúas corredoras da nosa comunidade mantiveron a súa condición de invictas. A cadete Lorena Patiño rubricou o seu sétimo triunfo e unha vez máis a valenciana Leyre Almena (Teika) quedou segunda. A marinense do XSM, nunha das súas vitorias máis axustadas, ergueu os brazos con 20" de marxe. En canto aos cadetes masculinos, Santiago Otero (XSM) obtivo a quinta praza, o seu mellor resultado da temporada a nivel estatal. 

Ningún tipo de opción ao resto das masters-50 concedeu Isabel Castro. A quinta vitoria da ponteareá no certame español consolida o seu liderado. A segunda clasificada en Alcobendas, a castelá-leonesa Teresa Infante (Eduardo Chozas), cedeu 3'08" respecto á ciclista do Condado Bike. O guión habitual tampouco se rachou nos máster-40, cun pulso entre o líder Isaac Suárez (Nesta) e o segundo da xeral Andrés Calvete. Nun novo desenlace axustado, o asturiano impúxose por 6" ao cambrés, que a tarde anterior asaltara en Barbadás o primeiro posto da xeral na Copa Galicia. 

 

O calendario da Copa de España tómase un descanso de case un mes e na fin de semana do 17 e 18 de decembro celebrará na Comunidade Valenciana as súas dúas últimas xornadas. 

Máis información e clasificacións

Páxina da Copa de España 

 

GALERÍA DE FOTOS

As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
As galegas vencen en catro das sete categorías femininas do Ciclocross Internacional de Alcobendas
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es