Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Laura Mira e Samuel González cumpren co papel de favoritos no Campionato de Galicia de Ciclocrós

08 DE ENERO DE 2023

A sub23 do Supermercados Froiz e o elite do Máis Que Bicis dominaron as quendas raíñas en Poio. As coroas autonómicas cambian de mans en doce categorías

Laura-Mira-e-Samuel-Gonzalez-cumpren-co-papel-de-favoritos-no-Campionato-de-Galicia-de-Ciclocros

Fotos: Luz Iglesias

O ciclocrós galego renovou a súa nómina de campioas e campións autonómicos este domingo en Poio nunha cita pasada por auga. Sobre a lama do circuíto da Seca, a sub23 Laura Mira (Supermercados Froiz) e o elite Samuel González (Máis Que Bicis) fixeron bos os prognósticos que os situaban como principais candidatos á vitoria nas quendas raíñas. A porriñesa e o vigués encabezaron unha nómina de quince gañadores na que só tres ciclocrosistas repetiron título respecto ao ano anterior. 

O Campionato de Galicia - V Ciclocrós Poio Móvese puxo o punto final á temporada 2022, a máis internacional na historia autonómica desta especialidade. A décimo novena e última proba do calendario reuniu a 250 participantes que tiveron que superar obstáculos, atravesar treitos de area e, sobre todo, botar un pulso ao barro. Todo isto nun fermoso escenario ao carón do mar e coa garantía de éxito que supón a organización por parte do Poio Bike Club e do Concello de Poio. Ademais das carreiras de competición, tamén se celebraron unha proba inclusiva e outra de promoción infantil.

Vencedor da xeral da Copa Galicia, anotándose case a metade das xornadas, Samuel González engadiu ao seu palmarés un título que se lle resistía. O corredor do Máis Que Bicis proclamouse por primeira vez Campión de Galicia na categoría elite. O seu triunfo absoluto en Poio asinouno cun rexistro de 53 minutos e 40 segundos, avantaxando en 54" a Ricardo Buba (High Level), que subiu ao máis alto do podio na categoría sub23. A liña de meta cruzouna en terceira posición o sub23 Anxo Carril (Coruxo), a 1'33" do gañador, penalizado por un contratempo mecánico que sufriu na última volta. 

Preto dos tres primeiros, rematando cuarto a 2'17" de Samuel González, moveuse o elite Saúl López (Academia Postal-Maceda). Por detrás do monfortino abriuse un oco importante en relación a tres ciclistas que se xogaron a quinta praza absoluta e o bronce elite. Nesa pugna Xavier Meizoso (Narón) superou por 4" a Brais Sendín (Academia Postal-Maceda) e por 15" a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño). A oitava posición correspondeu a David Fernández (Avanza-O Porriño), o terceiro clasificado entre os sub23. 

A quenda raíña masculina tamén a disputaron os juniors e, do mesmo xeito que nos elites e nos sub23, o gañador da Copa autonómica cumpriu cos prognósticos. André Martínez (Avanza-O Porriño) impúxose na categoría xuvenil por 27" de marxe sobre Alejandro García (Academia Postal-Maceda) e por 49" en relación a Martín Díaz (Caimanes Betanzos).

Sete raíñas 

Todos os grupos de idade femininos compartiron manga, repartíndose en total sete camisolas de campioas de Galicia. Laura Mira era a roda a seguir na carreira Elite-Sub23-Júnior tras dominar as dúas últimas xornadas da Copa e a ciclocrosista do Supermercados Froiz confirmou en Poio o seu bo momento de forma. Cun tempo de 43'24" conquistou a vitoria absoluta e o título sub23 no ano do seu debut na categoría. A porriñesa tivo que empregarse a fondo para dobregar cunha renda de 37" á nova campioa júnior Sarela Conde (Academia Postal-Maceda), que nos últimos metros viu ameazada a segunda posición pola insistencia da sub23 Sofía Álvarez (Cambre).

As diferenzas entre as primeiras foron reducidas. María Jesús Barros (Team Oiense), cuarta a 56" de Laura Mira, levouse o campionato elite por diante de Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), a quen bateu por 33". As catro corredoras que remataron a continuación das cinco primeiras tamén obtiveron medalla: Marta Estévez (XSM) concluíu sexta e segunda júnior, Vania Gregores (Lynalfa-Ponteareas) sétima e terceira júnior, Eva Ortega (Extol) oitava e terceira elite, e Carmen Mallo (Farto) novena e terceira sub23. 

En canto ás masters, a campioa estatal Marina González (Illas Cíes) revalidou o título autonómico e no podio estivo escoltada por Jana Buba (Coruxo) e a local Andrea Pousada (Poio Bike Club), segunda e terceira respectivamente. Iria Nieto (Compostelano) venceu nas máster-30 e Isabel Castro (Condado Bike) fixo o propio nas máster-50.

A sétima coroa feminina recaeu na cadete Lorena Patiño (XSM), a gañadora esta campaña da xeral e de todas as probas da Copa de España. Iris Fernández (Academia Postal-Maceda), segunda, e Alejandra Neira (Cambre), terceira, colgáronse os outros metais. 

Cadetes e masters masculinos

Antes da quenda das mulleres disputouse a competición cadete masculina con Néstor Frías (Academia Postal-Maceda) erguendo os brazos como triunfador. O segundo posto non o deixou escapar Xián Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) nun axustado final con Santiago Otero (XSM).

O programa de carreiras na Seca arrancara cos grupos de idade máster masculinos. Dous ciclocrosistas defenderon con éxito a súa condición de campións de Galicia. Andrés Calvete (Monte Xalo) volveu ser o máis forte nos máster-40, con Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) terminando segundo e José Rodríguez Tamy (Norinver) meténdose terceiro con remonta incluída. Tamén retivo o título Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60 ao finalizar por diante de Tucho González (Salvaterra) e de Manuel Dorrio (Cambre). En cambio, Miguel Porto (Ponteareas) converteuse no novo rei autonómico dos máster-30, alcanzando o segundo chazo do caixón Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) e o terceiro Francisco Baña (Compostelano), mentres que nos máster-50 Marcial Rodríguez (QueBici-Marcisport), que poñía o título en xogo, tivo que conformarse coa cuarta praza na vitoria de José Manuel Gómez (Xesteiras) seguido por José Manuel Comesaña (Monteferro) e Óscar González (Máis Que Bicis).

Para resgardarse da chuvia a entrega de premios tivo lugar no interior do Polideportivo Municipal. A concelleira Marga Caldas recibiu unha camisola de campioa de Galicia por parte da Federación Ciclismo Galego (FGC) como agradecemento ao seu apoio a este deporte. O reparto de maillots e de trofeos tamén contou coa presenza de Gregorio Agís, concelleiro e deputado provincial; de Francisco Albar, máximo responsable do Poio Bike Club; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; de Óscar Sánchez, directivo da FCG; e de David Carrilo, secretario da FCG. 

Unha vez completado o calendario autonómico, o próximo reto do ciclocrós galego chegará dende o próximo venres e ata o domingo no Campionato de España que este ano ten como sede a localidade barcelonesa de Vic. 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es