Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández

13 DE NOVIEMBRE DE 2023

Os líderes Elite mantiveron a súa condición de invictos na cuarta xornada da Copa Galicia de Ciclocrós

O-circuito-de-A-Caniza-tampouco-se-resiste-as-xeiras-de-Samuel-Gonzalez-e-Carla-Fernandez

Fotos: Luz Iglesias

A fin de semana de dobre cita da Copa Galicia na provincia de Pontevedra pechouse este domingo nun circuíto do máis entretido. Con raíces, pedras e un regato no que se acumularon as caídas dos que intentaron cruzalo enriba da bicicleta, A Cañiza celebrou a segunda edición do seu ciclocrós e a cuarta xornada do certame autonómico. Nove gañadores na véspera no Rosal volveron erguer os brazos nunha proba que alimentou as xeiras triunfais de Samuel González (Máis Que Bicis) e Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) nas carreiras Elite-Sub23.

Os case 250 inscritos no evento organizado polo club Grupeta Pan de Zarko atopáronse un trazado moi físico e cun terreo tan pesado como se podía agardar polas intensas chuvias do último mes. Se hai dous anos, na primeira edición deste ciclocrós, Samuel González tívose que conformar coa cuarta praza, esta vez o elite vigués fixo valer a súa condición de invicto na Copa Galicia. O seu cuarto triunfo noutras tantas xornadas acadouno en solitario cun tempo de 1 hora 3 minutos e 17 segundos, tendo como principal ameaza ao vencedor sub23 André Martínez (Avanza-O Porriño), segundo a pouco máis de 1'.

imagen

Os dous primeiros alcanzaron a liña de meta alleos á batalla que se librou polo terceiro posto e na que estiveron implicados ata cinco corredores. Acabou impoñéndose o sub23 Ricardo Buba (High Level-Gsport) con 13" de marxe respecto ao elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), o máis rápido do terceto no que Brais Fernández (Academia Postal - Maceda), líder Sub23, entrou por diante do elite Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas). A escasos segundos deles finalizou o sub23 Gabriel Conde (Avanza-O Porriño).

No resto de categorías masculinas triunfaron os mesmos ciclocrosistas que o día anterior en O Rosal, agás nos máster-60. O líder Martín Díaz (Caimanes Betanzos) subiu ao máis alto do podio nos juniors, Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) bateu ao esprint a Lucas Lozano (XSM) e desbancouno da primeira posición na xeral, mentres que nos máster-30, 40 e 50 repetiu o trío de líderes portugueses do Rompe Trilhos: Augusto Midao, Rogerio Matos e Antonio Passos. A excepción protagonizouna Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas), o portador da camisola da Copa nos máster-60, que se reencontrou coa vitoria tras o seu segundo posto do sábado. 

imagen

A presenza en A Cañiza de Laura Mira (Farto), que o día anterior disputara en Alcobendas a única cita desta fin de semana na Copa de España, deulle emoción á quenda feminina. A sub23 porriñesa e Carla Fernández abriron oco en cabeza e o man a man decantouse a prol da líder Elite por 48" de diferenza despois de 42 minutos e 11 segundos de carreira. Desde que irrompeu na Copa Galicia na segunda xornada, a viguesa do QuéBici-Marcisport está imbatida. 

Sarela Conde (Academia Postal - Maceda), unha das parciticipantes que 'se bañou' no regato, obtivo a terceira praza e continúa á fronte da táboa Sub23. Por ser cuarta pelexaron ata a recta de meta as elites María Jesús Barros (Supermercados Froiz) e Iria Nieto (Compostelano-Muebles Compostela), sendo máis rápida a representante da estrutura alimentica, e sexta concluíu a gañador júnior Iris Fernández (Academia - Postal Maceda), achegándose na xeral xuvenil á líder Sara Peón (XSM). En canto ás cadetes venceu Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), que se vestiu coa camisola da Copa, e nas máster-40 prolongou o seu pleno Rocío Blanco (A Forna).

imagen

O alcalde Luís Piña asistiu á entrega de premios coa que se baixou o pano dunha intensa fin de semana de ciclocrós en terras pontevedresas. O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego regresará o domingo 26 de novembro en Santiago de Compostela coa súa quinta xornada. Toda a información sobre a última Copa Galicia do 2023 podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.

Clasificacións

 

GALERÍA DE FOTOS

O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández
O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández
O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández
O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández
O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández
O circuíto de A Cañiza tampouco se resiste ás xeiras de Samuel González e Carla Fernández
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es