Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Pontevedra segue dando pasos cara ao Campionato de Europa de ciclocrós 2024

21 DE DICIEMBRE DE 2023

As categorías Máster incorpóranse ao programa da cita continental. A organización prepara novos obstáculos no circuíto da Illa das Esculturas

Pontevedra-segue-dando-pasos-cara-ao-Campionato-de-Europa-de-ciclocros-2024

A Boa Vila acollerá o 2 e 3 de novembro de 2024 na Illa das Esculturas o Campionato de Europa de ciclocrós, que reunirá a todas as estrelas da disciplina nunha contorna espectacular, onde están previstas varias novidades para enriquecer técnica e espectacularmente o habitual circuíto de Copas e Campionatos de España. Baixo o lema Where the bikes bótanse ó lombo, a cidade de Pontevedra envorcarase nunha competición única.

Superados os trámites burocráticos, e co visto e prace tanto da Unión Europea de Ciclismo (UEC) e o Concello de Pontevedra, todo segue o seu camiño para a agardada celebración dun evento no que se coroa ao novo Campión de Europa de ciclocrós. Esta disciplina do ciclismo, caracterizada polos obstáculos e por circuítos cunha mestura de terra e asfalto, viu ao belga Michael Vanthourenhout levar os dous últimos títulos na manga masculina e á neerlandesa Fem Van Empel na manga feminina. O neerlandés Mathieu Van der Poel, actual Campión do Mundo de ciclocrós e de estrada, conseguiu tres títulos europeos entre 2017 e 2019 igualmente.

Ademais, como novidade, o Campionato de Europa de ciclocrós de 2024 incluirá tamén as mangas de máster. Unha oportunidade para as categorías de máis de 30, 40, 50 e 60 anos de formar parte da competición. Ás tradicionais competicións elite, sub-23 e júnior tanto masculina como feminina, incorpóranse os máis veteranos para duplicar o número total de deportistas participantes, que correrán coas cores das súas respectivas seleccións nacionais. O mellor do mellor, en Pontevedra.

Apenas dous meses despois de celebrar a Copa de España de ciclocrós, a Illa das Esculturas xa espera de novo aos e as mellores ciclistas do noso continente. Será unha cita na que a ansiada camisola branca coa bandeira e estrelas que simbolizan a Unión Europea volverá estar en xogo. O tradicional percorrido onde venceron ciclistas como Ryan Kamp, Kevin Suárez, Laura Verdonschot ou Lucía González; e onde tamén Felipe Orts, a gran estrela española, conseguiu dous títulos de Campión estatal en 2019 e 2020, presentará moitas novidades.

A organización do Campionato de Europa de ciclocrós, impulsado pola Federación Ciclismo Galego, buscará aumentar o espectáculo con diversos obstáculos no circuíto: un bancal de area para permitir ver o esforzo dos ciclistas sobre esta superficie; uns taboleiros nos que demostrar a habilidade ben saltando sobre a bicicleta ou ben desmontando para asegurar maior velocidade, e onde do mesmo xeito que esta edición poderase ler destacado o lema deste Campionato de Europa en Pontevedra: “Where the bikes bótanse ó lombo”. Tamén se está traballando para poder contar cunha ponte nas inmediacións do río Lérez, permitindo prolongar a rampla de herba previa á zona de asfalto e perfilando así un deseño de circuíto moi atractivo para todos os que asistan ao evento.

Para continuar con todo o traballo previo, unha delegación do comité organizador desprazarase o próximo 21 de xaneiro á Copa do Mundo de Benidorm. Será a última proba internacional de ciclocrós en territorio español, antes da disputa do Campionato de Europa.

O apoio do Concello de Pontevedra, sede de grandes eventos deportivos e culturais como as Series Mundiais de Tríatlon este 2023, converte a cidade e o espazo da Illa das Esculturas nun escenario ideal para que o próximo mes de novembro coñezamos aos próximos Campións de Europa de ciclocrós.

GALERÍA DE FOTOS

Pontevedra segue dando pasos cara ao Campionato de Europa de ciclocrós 2024
Pontevedra segue dando pasos cara ao Campionato de Europa de ciclocrós 2024
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es