01 DE NOVIEMBRE DE 2024
A primeira xornada do Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra estivo reservada este venres para as categorías Máster, que ofreceron un espectáculo total. Catro competicións con todos os grupos de idade que gozaron dunha temperatura superior aos 20 graos e un tempo solleiro. Esta xornada inaugural resolveuse con tres medallas para os especialistas galegos. O porriñés Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) conquistou o título 60-64; Marina González (Illas Cíes) -verinesa e residente en Vigo- colgouse a medalla de prata 45-49; e o grovense Jorge Aguín (Supermercados Froiz) obtivo o bronce 45-49.
Ás 10:00 horas deuse a saída da primeira das mangas, a máis numerosa en categorías, na que estaban en xogo nove títulos continentais. A segunda manga decidiu cinco campións máis a partir das 11:00. Ás 13:30 tomou a saída a terceira manga coa disputa dos máster 45-49 e os máster 50-54, mentres que para pechar a xornada de competición ás 15h disputouse a última proba na que se puxeron en xogo os campionatos máster 35-39 e 40-44.
Non defraudou ningunha das catro mangas con varios campionatos que deron emoción ata o final, e que non se definiron ata a súa última volta, facendo que o público congregado no circuíto gozase do mellor ciclocrós de Europa e que servirá como punto de inicio dunha fin de semana inesquecible para Pontevedra.
En canto aos novos Campións de Europa, en máster 35-39 impuxéronse a francesa Emilie Petithory e o español Iñaki Carro; en máster 40-44, a estoniana Sille Puhu e o francés Valentin Cosnier; en máster 45-49 os triunfos foron para os españois Felisa Ares e Isaac Suárez; en máster 50-54 as vitorias foron para a francesa Maryline Vassal e o español Jordi Reñé; en máster 55-59 houbo dobre triunfo español con Teresa Infante e Joan Antoni Asensio; en máster 60-64 a luxemburguesa Suzie Goddart e o galego Marcial Rodríguez leváronse as medallas de ouro; en máster 65-69 o neerlandés Peter Meerburg e a sueca Carina Börjesson venceron nas súas carreiras; en máster 70-74 as vitorias foron para o español Juan Mariano Bárcena e para a francesa Christine Dufond; en máster 75-79 o novo campión de Europa é o español José Simaes e en máster 80+ subiu ao máis alto do podio o británico Victor Barnett, o participante máis veterano de todo o Campionato de Europa.
Foi unha gran xornada para os intereses da delegación española, que aos nove campionatos continentais logrados por Iñaki Carro, Felisa Ares, Isaac Suárez, Jordi Reñé, Teresa Infante, Joan Antoni Asensio, Marcial Rodríguez, Juan Mariano Bárcena e José Simaes hai que sumar as 9 medallas de prata logradas por Mikel Santamaría en máster 35-39, Iván Díaz en máster 40-44, Alberto Sánchez e Marina González en máster 45-49, Ruth Moll en máster 50-54, Juan Moya e Raquel Montañés en máster 55-59, Aitor Zabaleta en máster 60-64 e Juan Carlos López en máster 65-69 e as dez de bronce de Deborah Sánchez en máster 35-39, Carlos Hernández e Sonia Respuela en máster 40-44, Jorge Aguín en máster 45-49, Manu Quintanilla e María Fernández en máster 50-54, Xabier Mendiaraz e Sonia Ortega en máster 55-59, José Martín en máster 60-64 e Ernesto Gallego en máster 70-74.
Nas cerimonias protocolarias de entrega de premios estiveron presentes Enrico della Casa presidente da Unión Europea de Ciclismo; Delmino Pereira, presidente da Federación Portuguesa de Ciclismo e vicepresidente da UEC; Alfonso Villares, conselleiro do mar da Xunta de Galicia; Anabel Gulías, concelleira de deportes do Concello de Pontevedra e Juan Carlos Muñiz presidente da Federación Ciclismo Galego.
Ademais, os asistentes puideron gozar da Zona Expo con todas as marcas e expositores, do mesmo xeito que das Pulseiras Gastro para consumir nos postos de comida e bebida habilitados xunto ao circuíto.
Este sábado o Campionato de Europa continúa en Pontevedra coa disputa da proba de Team Relay ás 15h na que competirán as seleccións estatais de España, Francia, Italia e República Checa. A proba poderase seguir en directo por streaming a través da canle de Youtube da Federación Ciclismo Galego.
CICLOCROSS
EVENTOS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es