16 DE DICIEMBRE DE 2024
A fin de semana da Selección de Galicia Júnior de Ciclocrós na provincia de Valencia concluíu cun festín. O combinado da Federación Ciclismo Galego anotouse este domingo a vitoria tanto feminina como masculina da cita do calendario estatal celebrada no circuíto de Navarrés. Os dous triunfos, un asinado por Lorena Patiño e outro por Raúl Puelles, chegaron acompañados doutros tres podios.
O día despois de ter participado no peche da Copa de España, a Selección de Breogán presentou a seis júniores nun evento da clase 1.33.5 e que exercía de novena proba puntuable para a Challenge Comunitat Valenciana. A vixente campioa estatal Lorena Patiño marchouse en solitario dende a primeira volta na carreira feminina. Ao mesmo tempo que ía ampliando a súa vantaxe, ía dando caza ás elite e sub-23 que saíran antes. Terceira na véspera en Xàtiva, a marinense gañou con autoridade en Navarrés.
As outras dúas corredoras que defenderon as cores de Galicia protagonizaron igualadas pugnas. Lara Pita finalizou terceira despois de batallar polo segundo posto coa valenciana Aroa Rodríguez (Teika). Pola súa banda, Alba Gregores mantivo un man a man por facer cuarta con Carla Jiménez (Vertize), que se apuntou a castelanleonesa.
O control da carreira masculina por parte do combinado dirixido por José Alberto del Río foi total. Raúl Puelles, Darío Buceta e Xoel Cidrás tomaron o mando do grupo de cabeza e co paso das voltas o seu ritmo só o resistiu o valenciano Joel Pastro (Javea). A superioridade numérica soubérona aproveitar os galegos no desenlace da competición para copar o podio. A tripla encabezouna o betanceiro Raúl Puelles e co seu mesmo tempo cruzaron a liña de meta Xoel Cidrás e Darío Buceta, segundo e terceiro, respectivamente.
Logo deste dobre ensaio en terras valencianas, a vindeira cita da Selección de Galicia de Ciclocrós xa será o Campionato de España no que actuará como anfitrioa, do 10 ao 12 de xaneiro, nas Pontes. Antes de que se disputen os títulos estatais na localidade coruñesa, o calendario autonómico ofrece as dúas últimas xornadas da Copa Galicia -en Maceda e Nigrán- e o Campionato de Galicia en Ponteareas.
Villa de Navia
Este domingo tamén celebráronse outros eventos da clase 1.33.5 do calendario estatal. Nun deles, o Ciclocrós Villa de Navia - Memorial Andrés Méndez en Asturias, ata cinco galegos subiron ao podio. A elite Iria Nieto (Team Oiense) venceu na carreira raíña feminina; Samuel Gascón (Team Bike Outeiro de Rei) fixo terceiro nos cadetes; Aquiles Sordo (Caimanes) impúxose nos máster-30 por diante de Francisco Baña (Cidade de Santiago); e Marcos Vale (Gráficas Lar) acadou o segundo posto nos máster-50.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es