10 DE ENERO DE 2025
Fotos: RFEC
Ciclocrós en estado puro na apertura do Campionato de España 2025 nas Pontes. Baixo a chuvia e sobre moito barro disputouse este venres a carreira Team Relay de remudas por combinados autonómicos no circuíto do lago e tres seleccións do norte foron as que mellor se adaptaron ao lameiro que ofreceu o espectacular trazado coruñés. A defensora do título Asturias impúxose por diante de Galicia e a terceira praza obtívoa Cantabria.
Logo de quedar o ano pasado sen medalla, a Selección de Breogán regresou ao podio igualando o resultado asinado no 2023 en Vic. O sexteto formado por Samuel González, Lucas Lozano, Andrés Calvete, Lorena Patiño, Raúl Puelles e Miguel Rodríguez chegou liderando a proba ao seu ecuador, pero nas dúas últimas voltas Asturias tomou o mando con autoridade. A selección do Principado venceu por unha marxe de 1 minuto e 13 segundos e Cantabria levouse o bronce a case 2 minutos dos gañadores. O top-5 entre os oito equipos participantes completárono a Comunitat Valencina e Catalunya, cuarta e quinta respectivamente.
O elite vigués Samuel González foi o designado polo seleccionador Alberto del Río para dar a primeira das seis voltas e pasoulle o testemuño ao cadete Lucas Lozano lixeiramente por diante de Euskadi. O corredor marinense só foi superado polo júnior catalán Martí Martínez e no seguinte parcial o máster-40 cambrés Andrés Calvete recuperou a primeira posición para Galicia.
A segunda metade da carreira comezou cunha gran volta da júnior marinense Lorena Patiño, que rematou a súa actuación a menos de 20 segundos do máster-40 valenciano Javier Cabanes. Asturias íase achegando á cabeza e no penúltimo parcial, por medio do elite Mario Junquera, pasou da terceira praza a comandar a proba por máis de 40 segundos. O júnior betanceiro Raúl Puelles mantivo á Selección de Breogán coas opcións intactas de pelexar polo segundo posto e o sub-23 ponteareán Miguel Rodríguez arrancou á par do máster-40 cántabro Isaac Suárez. No desenlace, o representante galego dominou con claridade o duelo pola prata e, mentres tanto, o júnior Benjamín Noval certificou o triunfo asturiano.
Programa do segundo día
Á conclusión do Team Relay celebrouse unha demostración das Escolas de Ciclismo e no programa deste Campionato de España as competicións individuais concéntranse na fin de semana. Este sábado pola mañá celebraranse as carreiras cadete feminina (10:00 horas), júnior feminina (11:00 h) e cadete masculina (12:00). A sesión de tarde está reservada para os grupos de idade máster: todas as categorías femininas e homes 50-60 compartirán quenda (14:30 h), os 40 comparecerán máis tarde (15:30 h) e pecharán a xornada os 30 (16:30 h). Para o domingo quedan as probas júnior, sub-23 e elite masculinas, así como a elite de mulleres.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es