11 DE ENERO DE 2025
Fotos: RFEC
A segunda xornada do Campionato de España que se está a celebrar no circuíto do lago das Pontes resultou todo un éxito para o ciclocrós galego e en particular para a localidade pontevedresa de Marín. Dous veciños dese municipio conquistaron as camisolas rojigualdas das súas categorías defendendo as cores da selección anfitrioa. A júnior Lorena Patiño subiu ao máis alto do caixón por terceiro ano consecutivo e o cadete Lucas Lozano estreou a súa conta de ouros nesta especialidade. O balance autonómico de medallas completouse con seis podios Máster, un deles como gañador, o acadado polo porriñés Marcial Rodríguez no grupo de idade 60-A.
Campioa de España cadete no 2023 en Vic e júnior o ano pasado en Amurrio, a condición de clara favorita non lle pesou a Lorena Patiño no enlamado trazado das Pontes. A marinense comandou a proba xuvenil dende o inicio, avantaxando logo da primeira volta a Irati Aranguren (Euskadi) xa en 30 segundos. Esa diferenza soubo mantela a ciclista do XSM no segundo parcial e foi quen de ampliala no terceiro e definitivo para prolongar a súa hexemonía ante o aplauso do público.
A un paso de escoltar a Lorena Patiño na entrega de premios quedou a súa compañeira de selección Alejandra Neira. A santiaguesa protagonizou unha sensacional remonta na que chegou a ocupar a terceira praza, pero non a puido conservar ante a progresión de Maier Olano (Euskadi), que a superou nos últimos metros. A outra representante do combinado galego, Alba Gregores, rematou vixésima.
O segundo ouro da Selección de Breogán tamén o rubricou un ciclista do XSM de Marín. O cadete Lucas Lozano emulou a súa veciña Lorena Patiño e rodou á fronte da proba de principio a final. O gañador esta temporada da Copa de España soltou na segunda volta a Pelayo Gancedo (Asturias) e ergueu os brazos na liña de meta con 42” de marxe respecto ao segundo clasificado. Galder Orio (Euskadi) levouse o bronce.
Entre os dez primeiros remataron dous cadetes máis da Selección de Galicia: a novena praza conseguiuna Guillermo García e a décima, Lucas Blanco. Ademais, Aarón Rodríguez clasificouse décimo cuarto; Pedro Cidrás, 22º; Jose Manuel Pintos, 25º; e Jorge Lorenzo, 98º.
Sen a recompensa final do podio, o equipo cadete feminino do combinado que dirixe Alberto del Río realizou colectivamente unha notable carreira. Vega Aldrey, sexta, e Xiana Seijo, sétima, encabezaron unha actuación na que Nerea Soto finalizou undécima, Antía Torres fixo 24ª e Leire García, 25ª.
Máster
A quenda dos grupos de idade Máster chegou na sesión de tarde e saldouse cun imporante botín de media ducia de medallas para o noso CX. O vixente campión europeo Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) anotouse o ouro nos 60-A. As dúas pratas galegas corresponderon á verinesa-viguesa Marina González (Illas Cíes) nas 40-B e ao tudense Diego Álvarez (Podium Team) nos 30-A; e os tres bronces que se quedan na nosa comunidade obtivéronos o rosaleiro Eloy Otero (In Situ) nos 50-A, a moañesa Nazaret Casal (De La Fuente) nas 40-B e o coruñés Alejandro Mesías (CiclosQuintena) nos 40-A, categoría na que Andrés Calvete (Selección de Galicia) terminou sexto.
Última xornada
O Campionato de España despídese este domingo das Pontes co seu día grande. Despois do segundo posto colleitado pola Selección de Breogán o venres no Team Relay, o ciclocrós galego preséntase na última xornada con nove medallas e conta con serias opcións de incrementar esa cifra. A primeira proba será a júnior masculina (10:00 h), a continuación entrarán en acción os sub-23 (11:00 h) e para pechar o programa quedan os dous pratos fortes: a elite e sub-23 feminina (13:00 h) e a elite masculina (14:00). Estas dúas últimas carreiras retransmitiranas en directo a TVG2, Teledeporte e RTVE Play.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es