31 DE DICIEMBRE DE 2024
A localidade coruñesa das Pontes acollerá os días 10,11 e 12 de xaneiro o Campionato de España de Ciclocrós despois da súa estrea en 2021 como escenario do Ciclocrós Internacional Lago das Pontes, evento C2 da Unión Ciclista Internacional (UCI).
A proba, organizada polo Club Ciclista As Pontes, en colaboración co Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, convértese, en palabras de Marcos Fernández, presidente do club deportivo “en proba de carácter estatal e adquire gran relevancia xa que se trata da derradeira proba do calendario, así que aquí nas Pontes vaise decidir o Campionato de España”.
A presentación do Campionato contou coa presenza do presidente da Federación Ciclismo Galego e actual vicepresidente da Real Federación Española de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, que quixo destacar a grande evolución desta proba ciclista que “en tan só tres anos conseguiu entrar no campionato de España. Ademais esta proba vai poñer ás Pontes no mapa tanto a nivel nacional como internacional, xa que durante a fin de semana de competición van ser milleiros de persoas as que se acheguen á vila, entre deportistas, familiares, mecánicos, e público”.
Antonio Leira, responsable da área de Deportes da Deputación de A Coruña, quixo destacar o carácter de integración deste campionato, xa que durante a xornada do venres disputarase unha proba inclusiva. Por outra banda tamén comentou que “o ano pasado asistín á proba como espectador e quedei marabillado non só polo espectáculo deportivo se non tamén polo alto nivel amosado pola organización; nivel que estou seguro volverá a repetir”.
Finalmente Elena López, concelleira de deportes do Concello das Pontes, pechaba o acto de presentación agradecendo non só a tódalas entidades que participan na organización do terceiro campionato de ciclocrós “Lago das Pontes” a súa implicación, se non tamén a todo o persoal municipal; dende protección civil, policía local, ou departamento de obras, a súa boa disposición para que este evento deportivo tan importante saia adiante con todas as garantías.
Aproveitaba a ocasión asemade para convidar a tódolos veciños e veciñas das Pontes que “se acheguen á contorna do lago na fin de semana do 10, 11 e 12 de xaneiro para poder gozar do espectáculo do ciclocrós onde van competir os mellores deportistas estatais”.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es