03 DE NOVIEMBRE DE 2024
A Illa das Esculturas de Pontevedra viviu este domingo a disputa das probas junior, sub-23 e elite do Campionato de Europa de Ciclocrós. Un éxito de asistencia e de participación que coroou a Thibau Nys (Bélxica) e Fem Van Empel (Países Baixos) como novos campións continentais na máxima categoría. O alacantino Felipe Orts conseguiu a medalla de prata tras asinar unha carreira para o recordo.
Máis de 9000 espectadores asistiron ás diferentes competicións este domingo na Illa das Esculturas. O Campionato de Europa de Ciclocrós reuniu a toda a familia do ciclismo galego, español e internacional para apoiar ás seleccións estatais, con presenza tamén das autoridades: Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; José Ramón Lete, secretario xeral de deportes da Xunta de Galicia; Enrico della Casa, presidente da UEC; José Luis López Cerrón, presidente da comisión xestora da RFEC; Daniel Benavides, xefe de servizo de deportes da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra; Delmino Pereira; presidente da Federación Portuguesa de Ciclismo; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Antes de poñerse en marcha a última das competicións, gardouse un respectuoso minuto de silencio en homenaxe ás vítimas da DANA na Comunitat Valenciana.
A proba raíña masculina non defraudou a ninguén, cun Felipe Orts protagonista desde o primeiro xiro e capaz de manterse desde o principio nos postos de cabeza, ata que tomou a responsabilidade a falta de catro voltas e rompeu a carreira cun duro ataque ao que só puideron responder os belgas Thibau Nys e Eli Iserbyt. A falta de tres voltas, lograron enlazar coa cabeza Lars Van der Haar e Niels Vandeputte, aínda que un cambio de bici de Iserbyt descolocaría o grupo cabecero deixando en solitario de forma definitiva a Nys e Orts. Na última volta, fíxose notar a fatiga e ese momento aproveitouno Nys para escaparse e facerse coa medalla de ouro como novo Campión de Europa. A ovación do público correspondeu a un Felipe Orts estelar, que fixo soñar a todo o público de Pontevedra e recibiu o agarimo tamén no podio. Eli Iserbyt completou unha gran carreira da selección belga coa súa medalla de bronce. O cántabro Kevin Suárez foi décimo terceiro.
Un sol de xustiza acompañou á próba elite feminina, coas corredoras neerlandesas tomando o mando desde o principio. A italiana Sara Casasola deixouse ver na cabeza, aínda que nin Van Empel, nin Alvarado, nin Brand querían deixar o peso da carreira en mans de ningunha corredora sen camisola laranxa. En canto tiveron ocasión, Van Empel e Alvarado comezaron a sacar vantaxe na cabeza e tras elas escapouse en solitario Lucinda Brand, que chegou a enlazar nas dúas voltas finais nas que se baixou lixeiramente o ritmo. Brand tomou o mando na volta final para tentar lograr sorprender as súas compatriotas, pero non foi posible xa que nos metros finais Ceylin Alvarado atacou, para entrar na recta final por diante, sen poder impedir que a vixente campioa Fem Van Empel revalidase o seu título. A asturiana Lucía González logrou finalizar no décimo posto, no que rodou durante toda a carreira.
A proba junior feminina foi a encargada de inaugurar a competición do domingo. A pesar da gran saída de Ana López, que se colocou rapidamente en primeira posición, foron as ciclistas checas Barbora Bokuvská e Amálie Gottwaldová as que tomaron o mando da carreira. Durante varios momentos rodaron ata dez ciclistas na cabeza, sempre co control da suíza Anja Grossmann e as checas. Sería nas últimas dúas voltas cando rompeu a carreira quedándose na cabeza Grossmann e Bukovska xunto á italiana Giorgia Pellizotti e a neerlandesa Mae Cabaca, que sufriría unha caída que a deixaría fóra da loita polas medallas. Xa na volta final, a suíza daría o todo para distanciar lixeiramente aos seus rivais e facerse co campionato de Europa no seu primeiro ano na categoría. Bukovaska levaría a prata e Pellizotti o bronce, mentres que por detrás, a marinense Lorena Patiño culminaría unha gran remontada para finalizar en décima posición.
Na proba júnior masculina o asturiano Benjamín Noval fixo soñar a toda a delegación española coa medalla, pero finalmente tívose que conformar cunha meritoria cuarta posición. A carreira estivo dominada polos ciclistas belgas desde o inicio, e xunto a eles o italiano Mattia Agostinacchio e o austriaco Valentin Hofer sempre nas primeiras posicións. Sufriu unha caída o transalpino nos taboleiros que parecía descartalo para a loita polo campionato, pero nada máis lonxe da realidade, xa que do mesmo xeito que lle sucedeu a Benjamín Noval en dúas ocasións, sufriu unha avaría pero volveu remontar e para meterse na loita polo campionato. A falta de volta e media, Agostinacchio soltou de roda a todos os seus rivais e xa non pararía ata proclamarse campión continental. Pola súa banda Hofer aproveitou a última rampla para lograr unha lixeira vantaxe que lle serviría para asegurarse a prata, mentres que na pelexa polo bronce o belga Vanden Eynde deixou co mel nos beizos a un Benjamín Noval, cuarto, que foi o mellor clasificado de primeiro ano. Os galegos Raúl Puelles e Néstor Frías remataron 30º e 42º, respectivamente.
A carreira sub-23 feminina foi a máis tranquila do día, xa que desde a primeira volta a francesa Célia Gery, a luxemburguesa Marie Schreiber e a neerlandesa Leonie Bentveld destacáronse e deixaron sen opcións ao resto de participantes. Aos poucos foron aumentando a vantaxe e non sería ata a volta final onde Bentveld non foi capaz de aguantar o ritmo e deixou a loita polo ouro entre a gala e a luxemburguesa. Na recta de meta, Gery demostrou ter un punto máis para impoñerse no seu primeiro ano como sub-23. Entre as españolas, a mellor clasificada Aroa Otero finalizou 16ª, dous postos por diante da tamén porriñesa Laura Mira.
O neerlandés David Haverdings destacouse rapidamente na proba sub-23 masculina, logrando unha lixeira vantaxe na primeira volta, aínda que pronto o belga Jente Michels e o italiano Samuele Scappini enlazaron con el na cabeza. Non aguantou moito o transalpino, que deu a substitución ao seu compatriota Filippo Agostinacchio. Sen demasiados movementos ata a última volta, Haverdings sufriría unha avaría que lle deixaría fóra da pelexa, e que aproveitaría moi ben Jente Michels para lograr unha lixeira vantaxe sobre o italiano, a suficiente para revalidar o título continental sub-23. O bronce foi para o francés Aubin Sparfel. A gran actuación do ponteareán Miguel Rodríguez obtivo como recompensa un fantástico sétimo posto. Entre os dez primeiros tamén finalizou o valenciano Raúl Mira, noveno. O carballés Tomás Pombo non puido completar a carreira por problemas mecánicos.
O público asistente gozou non só da competición durante toda a xornada, senón tamén da Zona Expo con máis de 15 marcas e expositores, así como da zona de comida e bebida na que se utilizaron as Pulseiras Gastro. A partir de mañá pódense tramitar as devolucións co saldo restante.
A Federación Ciclismo Galego foi a organizadora deste Campionato de Europa de Ciclocrós na Illa das Esculturas, co apoio do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. Más de 150 voluntarios fixeron posible un evento que serviu de promoción da cidade grazas á cobertura en directo de televisión en toda Europa.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es