08 DE NOVIEMBRE DE 2024
A emoción e a adrenalina da Copa Galicia de Ciclocrós chegan un ano máis ao Rosal. O XXVI Trofeo Monte das Eiras, cuarta cita puntuable do certame autonómico, celebrarase este sábado 9 de novembro con máis de 200 participantes de Galicia e Portugal que percorrerán un emblemático circuíto que atravesa os viñedos da adega Terras Gauda, converténdoa na única proba ciclista galega que se celebra nun escenario tan singular. A carreira, organizada polo Club Ciclista O Rosal, conta coa colaboración do Concello.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou que “o Trofeo Montes das Eiras é unha cita especial para O Rosal e un exemplo de como manter viva unha tradición deportiva que leva 26 anos crecendo e mellorando”. A rexedora quixo felicitar ao Club Ciclista O Rosal por ese compromiso e por ofrecer un evento único que atrae cada ano a máis participantes e público.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, tamén subliñou a particularidade desta carreira e a súa conexión co territorio, xa que “o circuíto a través dos viñedos non só proporciona un reto especial para todas e todos os corredores, senón que tamén reforza a identidade do Rosal ao vincular deporte e viño, un dos nosos grandes sinais de identidade”. No acto de presentación da proba participaron ademais da rexedora e o concelleiro, representantes do club ciclista, da adega Terras Gauda e Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego.
A partir das 11.00 horas, ciclistas de diferentes categorías tomarán o circuíto, reunindo competidores dende os 12 anos ata os maiores de 60. Grazas ás características do terreo, o público poderá desfrutar de toda a carreira desde varios puntos de observación. A organización prevé un ambiente animado e seguro para todas e todos, cun dispositivo de voluntariado de Protección Civil que velará polo bo desenvolvemento da proba.
O Concello do Rosal quere agradecer ao Club Ciclista O Rosal, que un ano máis permite desfrutar dunha competición única en Galicia, así como a colaboración e implicación da adega Terras Gauda, da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Ciclismo Galego, da Xunta de Galicia e de todas as entidades e empresas patrocinadoras.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es