11 DE NOVIEMBRE DE 2024
Fotos: RFEC / Javier Martínez "Zubiko"
Cinco dos sete ciclocrosistas galegos que representaron á selección española no Campionato de Europa de Pontevedra volveron competir unha semana despois nun evento internacional e dous deles pisaron o podio. O sub-23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e o júnior Raúl Puelles (Caimanes Betanzos) obtiveron cadanseu segundo posto este domingo na proba biscaíña de Karrantza, de clase C2 no calendario UCI e puntuable para a Copa de España como cuarta xornada. Entre os tres primeiros das súas categorías tamén remataron o cadete Lucas Lozano (XSM) e o máster-40 Andrés Calvete (Monte Xalo), regresando ambos para a nosa comunidade vestidos de líderes.
O noso CX saíu de Euskadi, en total, con tres camisolas do certame estatal. A de mellor sub-23 recuperouna Miguel Rodríguez. Nun circuíto moi enlamado, o líder elite Kevin Suárez (Nesta - MMR) dominou de principio a fin a carreira raíña masculina. O cántabro marcou un forte ritmo desde o comezo, que lle levou rapidamente a distanciarse dos seus perseguidores. Por detrás, o elite asturiano Mario Junquera (Unicaja) tamén abriu oco respecto a Rodríguez e ao seu compañeiro de equipo e líder sub-23 Raúl Mira. Con Suárez lanzado cara á súa terceira vitoria en Karrantza, a pelexa íase vivir polas prazas do podio. Junquera era neutralizado polos corredores do Supermercados Froiz, e a falta de dúas voltas, o ponteareán rompeu o grupo.
Sétimo clasificado no Europeo, Rodríguez concluíu segundo a 1 minuto e 18 segundos do vencedor absoluto e con 24" de vantaxe respecto a Junquera. A cuarta praza correspondeu a Mira. Na xeral, Suárez lidera con 75 puntos e Rodríguez, segundo absoluto con 60 puntos, volver ser o mellor sub-23. Ten 2 puntos de marxe sobre Mira.
O outro segundo posto galego no XXXI Ciclocross Internacional de Karrantza asinouno o júnior Raúl Puelles. O betanceiro do Caimanes comandou a proba xunto a Aner Irizar (Zatika Bike) nas primeiras voltas. Despois do penúltimo paso pola meta, o líder Benjamín Noval tomou o control da carreira e resultou imparable. Quen máis cerca se quedou do asturiano do MMR foi Puelles, a 22", un resultado que lle permite ascender seis prazas na xeral e situarse segundo. O vasco Irizar finalizou terceiro a 1:08.
Polo segundo posto esprintou nos metros finais Lucas Lozano nos cadetes, tendo que conformarse coa terceira praza. O do XSM pugnou na recta de chegada co madrileño Asier Gómez (Coslada) e 9" por diante deles ergueu os brazos o aragonés Axel Roy (Huesca La Magia). O galego regresa ao máis alto da táboa na Copa e faino con 7 puntos de colchón en relación ao anterior líder, ao asturiano Pelayo Gancedo (MMR). Lucas Blanco (Cambre) cae dende a terceira á sexta posición despois de facer duodécimo no circuíto biscaíño.
O maillot de líder máster-40 conservouno e reforzouno Andrés Calvete, agora cunha renda de 16 puntos. O cambrés terminou terceiro e cuarto fixo outro galego, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko). Os dous entraron co mesmo tempo a 1:58 do gañador Isaac Suárez (Nesta - MMR) e a 32" de Ramón Liaño (Torrelavega).
O resto de resultados sobranceiros da representación galega protagonizáronos Aroa Otero (Supermercados Froiz), sétima absoluta e segunda sub-23; Laura Mira (Farto-BTC), décimo cuarta absoluta e oitava sub-23; Uxía Soto (Extol Zambora), décimo sexta absoluta e décima sub-23; e Francisco Baña (Compostelano), décimo máster-30.
A vindeira fin de semana as localidades Tarancón (Castilla-La Mancha) e Alcobendas (Comunidad de Madrid) acollen unha dobre cita puntuable, que podería ser crucial para a resolución da Copa de España, a falta da proba de Xátiva.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es