Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Ancares Cycling Marathon regresa con tres versións adaptadas a todos os públicos

27 DE ABRIL DE 2022

O gran fondo, polas espectaculares estradas dos Ancares lucenses, celebrarase o 7 de agosto

O-Ancares-Cycling-Marathon-regresa-con-tres-versions-adaptadas-a-todos-os-publicos

    O Ancares Cycling Marathon, o primeiro gran fondo de alta montaña en Galicia, regresa este mes de agosto ás estradas dos Ancares lucenses cunha segunda edición na que o percorrido se adaptará a tres niveis distintos de dificultade co obxectivo de que todos, “propios e estraños”, poidan gozar desta proba, que une natureza, deporte, turismo e patrimonio.

   O Antigo Cárcere de Lugo acolleu este mércores a presentación oficial desta segunda edición, un acto no que participou o deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o responsable da empresa EME Sports, Ezequiel Mosquera, e os organizadores, José María Seijas e Santiago Seijas, polo Clube Ciclista Cidade de Lugo, entre outras autoridades.

   Sobre a edición deste ano, Ezequiel Mosquera explicou que a organización tratou de “suavizar” o percorrido eliminando quilómetros e dando a posibilidade de elixir aos participantes, ademais do percorrido completo e dun medio fondo, un 'mini fondo'.

   “Decidimos, dentro da dureza que ten Ancares, que é inevitable, suavizar en canto a quilómetros para liberar o trazado bastante e ter versións para todos os niveis de forma e todas as idades”, explicou.

   Para iso, establecéronse tres posibles roteiros que coinciden no inicio e no final, pero varían en número de portos e, por tanto, en quilómetros.

   Así, os participantes que opten polo gran fondo percorrerán 128 quilómetros, con 3.485 metros de desnivel acumulado, polos concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, subindo os portos de  Sete Carballos, A Pitinidoira, Vilasol e o alto do Cebreiro.

   O medio fondo, con 100 quilómetros e un desnivel de 2.444 metros, pasará polos tres últimos portos: Pitinidoira, Vilasol e Cebreiro;  mentres que o 'mini fondo', con 45 quilómetros e un desnivel de 1.230 metros, subirá só Vilasol antes de encarar a entrada no Cebreiro.

   O espírito, dixo Mosquera, é facer versións máis alcanzables da proba pero con “un mesmo final icónico e mítico”, ao acabar “no empedrado do Cebreiro”, rodeados de peregrinos en pleno final deste segundo Ano Santo.

 

Unir deporte e turismo

   Pola súa banda, Efrén Castro destacou durante a presentación que o Ancares Cycling Marathon afronta este ano a súa “consolidación” tras o “gran éxito de participación” do ano pasado.

   “Animo a todos os amantes do ciclismo a que se acheguen a gozar desta proba”, dixo o deputado provincial, que subliñou a aposta da institución por un proxecto que “mestura territorio, turismo e deporte” nunha área de extraordinaria beleza paisaxística.

   No acto participou tamén a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, que agradeceu especialmente o papel que xogan no desenvolvemento desta proba e na seguridade da mesma os axentes da Garda Civil de Tráfico, representados este mércores polo xefe do subsector de Tráfico, José Miguel Martínez, e a sarxento responsable de atestados, Silvia Lucena.

   Do mesmo xeito, Isabel Rodríguez confiou en que a cita axude “a dar promoción a unha das comarcas máis fermosas da provincia”, cun percorrido “espectacular” que convida a percorrelo en bicicleta.

Fonte: EME Sports

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es