07 DE AGOSTO DE 2023
Aos alicientes da Manzaneda Gran Fondo engádese o de compartir pelotón co único ciclista da nosa comunidade que pertence a un conxunto ProTeam. O limiao Carlos Canal estará o 3 de setembro na marcha cicloturista organizada pola Federación Ciclismo Galego e portará o dorsal número 1. O corredor do Euskaltel Euskadi anunciou a súa presenza neste evento dende a estación de montaña ourensá, onde prepara a súa participación o vindeiro sábado na proba en liña Sub23 de Estrada do 'Súper Mundial' de Glasgow.
Carlos Canal e o resto de participantes na primeira edición da Manzaneda Gran Fondo atoparanse o primeiro domingo de setembro, ás 09:30 horas, unha proposta deportiva e de lecer que ofrece dúas distancias para todas e todos os interesados en pedalear a través das paisaxes naturais das comarcas de Terras de Trives e Caldelas.
Ambos percorridos arrancan dende a Estación de Montaña de Manzaneda e comparten as ascensións do Alto de Cedeira e do Suspiazo, así como o avituallamento de Chandrexa de Queixa, antes de separarse. O Gran Fondo alcanza os 127 quilómetros e o Medio Fondo, os 88 km. Tanto nunha como outra opción a liña de meta estará situada no cumio de Cabeza de Manzaneda.
A última subida que se afrontará no Gran Fondo, despois do avituallamento de Manzaneda, ten unha lonxitude de 17,5 km e un desnivel medio do 6,3%. Os derradeiros 7 km son compartidos, pero no Medio Fondo o treito inicial desa ascensión é menos esixente, polo que os 16,8 km das ramplas que conducen ata a meta quedan nun 3,4% de pendente media.
Estes dous trazados, adaptados ao estado físico e á motivación de cada participante, transcorren por un total de sete concellos: Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo e Chandrexa de Queixa. A Manzaneda Gran Fondo non é unha competición e moverase controlada por un dispositivo que garantirá a seguridade. Iso si, cada ciclista poderá poñerse a proba elixindo o ritmo que máis lle conveña no treito libre das subidas finais.
Inscricións
O prazo para reservar dorsal remata o 30 de agosto. As inscricións xa superaron a barreira das 150 e ata alcanzar a de 200 manterase a tarifa reducida de 20 euros. Unha vez se supere esa cifra, o prezo quedará fixado en 25 euros. No caso das e dos ciclistas non federados deberán abonar 10 euros máis. Fai click nesta ligazón para anotarte
Oferta de aloxamento
A Estación de Montaña de Manzaneda festexa a estrea deste Gran Fondo ofrecendo tarifas especiais para aloxarse. Os participantes poden aproveitarse das seguintes tarifas:
Apartamento 2 Pax.....70 euros/noite
Apartamento 4 Pax.....120 euros/noite
Apartamento 7 Pax.....190 euros/noite
Opción en Media Pensión.....+20 euros
Esta oferta inclúe piscina ou spa durante unha hora e lavabicicletas. As reservas realízanse chamando ao númerto de teléfono 988 30 90 90.
CICLOTURISMO
CICLOTURISMO
CICLOTURISMO
CICLOTURISMO
AVISOS
AVISOS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es