Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Carballo pechou a Semana Santa de eventos formativos FCG

08 DE ABRIL DE 2023

A Xornada de Tecnificación para juniors masculinos contou co handbiker Iván Montero como convidado

Carballo-pechou-a-Semana-Santa-de-eventos-formativos-FCG

O variado calendario de iniciativas formativas organizadas pola Federación Ciclismo Galego (FCG) durante a Semana Santa, que incluíu o Campus XCO e as Xornadas Mulleres Ciclistas, rematou este sábado en Carballo. Nunha localidade tan vinculada á bicicleta, e en especial á categoría xuvenil como sede da prestixiosa Challenge que se celebra no verán, unha vintena de corredores juniors masculinos participaron nunha Xornada de Tecnificación. Ao habitual plan de traballo destas convivencias sumouse un convidado de excepción.

Os ciclistas convocados polo seleccionador Jacobo Ucha á conclusión da Challenge Volta O Barbanza - A Orixe, disputada a pasada fin de semana, reuníronse no Fórum Carballo para iniciar a sesión matinal. Despois de recibir a benvida dos responsables da FCG, o grupo comezou a efectuar un adestramento no que se cubriron ao redor de 110 kilómetros. Formando parte do pelotón que percorreu as estradas de Carballo e da súa contorna estivo o handbiker Iván Montero (Neuroimpulse-Galicia).

O vixente campión de España da clase H5 rodou xunto aos xuvenís e pola tarde tomou a palabra. Tras o xantar en grupo, o paraciclista internacional ofreceu unha charla motivacional no salón de actos do Fórum Carballo. A Xornada de Tecnificación completouse coa intervención de Jacobo Ucha centrada nos aspectos técnicos e no calendario que agarda esta temporada á Selección de Galicia Júnior.

A FCG quere agradecer ao Concello de Carballo e ao Club Ciclista Carballo todas as facilidades ofrecidas para a realización desta convivencia. Iniciativas como esta, que se están levando a cabo dende hai dous anos, continuarán nas vindeiras semanas dirixidas a outras categorías de formación e a ciclistas doutras especialidades. 

Cicl-Ando Carballo

Aproveitando a súa presenza en Carballo, a Federación Ciclismo Galego amosou o seu apoio ao proxecto 'Cicl-Ando' posto en marcha nesta localidade coruñesa. A través desta aposta pola mobilidade ciclista e peonil, o concello carballés deseñou un plan no que nove sendas conectarán os accesos á vila con zonas como Razo ou o Polígono das Bertoas. 'Cicl-Ando Carballo' ten prevista a costrucción de 18 quilómetros de sendas e dunha rede de aparcadoiros para bicicletas que contribúan á promoción da mobilidade sostible e á redución da pegada de carbono. 

 

GALERÍA DE FOTOS

Carballo pechou a Semana Santa de eventos formativos FCG
Carballo pechou a Semana Santa de eventos formativos FCG
Carballo pechou a Semana Santa de eventos formativos FCG
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es