Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Feijoo cítase coa historia en Ostende

29 DE ENERO DE 2021

O alaricano aspira ao podio este sábado na carreira sub23 do Mundial de Ciclocrós

Feijoo-citase-coa-historia-en-Ostende

Este sábado pode ser un día histórico para o ciclocrós galego. Nunca un corredor autonómico pisou o podio do Mundial e coa aspiración de lograr esa fazaña tomará a saída ás 13:30 horas no circuíto belga de Ostende o alaricano Iván Feijoo. O tricampión de España avala a súa candidatura cun resultado de peso: o terceiro posto asinado hai dous meses na Copa do Mundo de Tabor. 

No seu terceiro e último Mundial como sub23, o ourensán ten o seu listón persoal situado na sexta praza obtida no 2020 en Dübendorf (Suíza). "Vai ser un pouco diferente a outros anos por ese sector na praia", explica Feijoo. O corredor do Nesta-Skoda Alecar considera que "a forza e a técnica serán claves. Chego ben de sensacións e estou moi motivado despois dunha boa temporada, así que espero poder mellorar o resultado do ano pasado ou, polo menos, estar na loita".

A principal característica do circuíto de Ostende, que posúe 2.900 metros de lonxitude, é que conta con dúas zonas completamente diferenciadas unidas por unha gran ponte, que ten 135 metros de longo e unha pendente do 21% por cada un dos seus lados.

A saída efectuarase desde o sector instalado sobre o hipódromo, cuxa superficie está maioritariamente poboada por herba, e a través da citada ponte os participantes accederán ao tramo deseñado sobre a praia, sen dúbida o de maior dificultade, que conta con máis de 550 metros de lonxitude. Unha vez completado este, os ciclistas volverán ao hipódromo para afrontar a parte final do trazado antes de atopar a meta.

Para preparar a cita máis importante da temporada, Feijoo concentrouse durante esta semana coa selección española en Altea. O ciclista de Allariz foi o último en incorporarse a esta convivencia en terras alacantinas debido a que tivo que cumprir cos seus compromisos académicos na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. 

O galego terá como compañeiro de selección en Ostende ao catalán Jofre Cullell. O máximo responsable do combinado estatal, Pascual Momparler, ten claro que "este é o eqiupo máis interesante co que temos contado nos últimos anos. Os nosos dous sub23 poden soñar con facer algo grande".

As carreiras sub23 non se poderán seguir a través de Eurosport, que sí vai retransmitir as probas elites. A Real Federación Española de Ciclismo encargarase de informar en directo do que aconteza en Ostende a través das súas redes sociais utilizando o hashtag #TeamESPciclismo.

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es