19 DE MARZO DE 2024
Este luns, a Unión Ciclista Europea (UEC nas súas siglas inglesas) visitou A Illa das Esculturas, o enclave que acollerá o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 os días 1, 2 e 3 de novembro. O pasado venres constituíuse o Comité Organizador que servirá para coordinar a planificación dun dos grandes eventos ciclistas a nivel europeo.
O pasado venres reuníronse no Concello de Pontevedra para constituír o Comité Organizador as autoridades involucradas no éxito deste evento. Un encontro presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Daniel Benavides, responsable provincial de deportes da Xunta de Galicia; e Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
Tras a constitución do Comité Organizador, este luns unha delegación da Unión Ciclista Europea, encabezada polo seu presidente Enrico della Casa, percorreu xunto a Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, a espectacular contorna na que se disputarán os Campionatos de Europa de Ciclocrós. Unha zona xa coñecida por todos os amantes do ciclocrós, que acolleu probas da Copa de España en 4 edicións e o Campionato de España en 2019 e 2020.
Na parte técnica, Tiziana Lardieri (coordinadora de eventos da Unión Ciclista Europea); Jos Smets (técnico delegado de ciclocrós da Unión Ciclista Europea) e Berto del Río (técnico de ciclocrós da Federación Ciclismo Galego) revisaron os puntos concretos do circuíto tales como zona de saída e meta, zonas de obstáculos, zona de boxes ou pontes. O obxectivo, puír todos os detalles para que o circuíto luza no próximo mes de novembro.
Tras este recoñecemento, con satisfacción e parabéns por parte da Unión Ciclista Europea ante os espazos mostrados, o concepto do percorrido e a contorna, a delegación desprazouse ata a Deputación de Pontevedra para unha recepción.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu á comitiva. Nunha reunión de traballo con termos amigables e unha gran vontade de colaboración durante os próximos meses, tamén participaron Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Daniel Benavides, xefe de servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia; Enrico della Casa, presidente da Unión Ciclista Europea; Alasdair MacLennan, secretario da Unión Ciclista Europea; Alejandro Martín, secretario da Real Federación Española de Ciclismo; Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; David Carrillo, secretario da Federacion Ciclismo Galego e Delmiro Pereira, presidente de Federación Portuguesa de Ciclismo.
Para concluír, a comitiva desprazouse ata o Concello de Pontevedra, onde foron recibidos polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. Nunha contorna cordial e coa vontade de explorar tanto cuestións técnicas como organizativas e económicas, os distintos participantes no encontro expuxeron as liñas de traballo e debatéronse cuestións como a presentación oficial do Campionato de Europa de Ciclocrós CX Pontevedra, que será durante o mes de setembro.
Nesta reunión de traballo participaron xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; Anabel Gulias Torreiro, concelleira do Concello de Pontevedra; Daniel Benavides, xefe de servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia; Enrico della Casa, presidente da Unión Ciclista Europea; Alasdair MacLennan, secretario da Unión Ciclista Europea; Alejandro Martín, secretario da Real Federación Española de Ciclismo; Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; David Carrillo, secretario da Federacion Ciclismo Galego; Delmiro Pereira, presidente de Federación Portuguesa de Ciclismo; Juan Manuel Martínez Bouzón, xefe de prensa do vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Tiziana Lardieri (coordinadora de eventos da Unión Ciclista Europea); Jos Smets (técnico delegado de ciclocrós da Unión Ciclista Europea); Berto del Río, técnico de ciclocrós da Federación Ciclismo Galego; e Álvaro García, responsable de comunicación do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024.
A edición 2024 do Campionato de Europa de Ciclocrós supón, ademais das tradicionais probas elite, sub-23 e júnior, tanto masculina como feminina, a celebración por primeira vez das mangas máster neste certame europeo. Desta maneira, a participación de ciclistas practicamente duplicarase nunha proba disputada por seleccións nacionais e que ten como campións actuais a Michael Vanthourenhout (Bélxica) e Fem van Empel (Países Baixos) en categoría elite.
Desde CX Pontevedra e a Federación Ciclismo Galego continuaranse realizando actividades de promoción para que o Campionato de Europa 2024 na Boa Vila sexa un éxito deportivo e tamén de asistencia.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
EVENTOS
FORMACIÓN
AVISOS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es