A Selección de Galicia inicia o Campionato de España de Ciclocrós defendendo coroa

05 DE ENERO DE 2022

O estatal de Xàtiva arranca este venres recuperando tras dous anos de ausencia a carreira Team Relay, proba por equipos que o combinado galego se adxudicou no 2019

A-Seleccion-de-Galicia-inicia-o-Campionato-de-Espana-de-Ciclocros-defendendo-coroa-

Con 25 ciclistas e unha motivación especial a Selección de Galicia preséntase na localidade valenciana de Xàtiva para participar no Campionato de España de Ciclocrós 2022. No primeiro aniversario da morte de Guillermo Sande, falecido durante o estatal desta especialidade celebrado hai doce meses en Torrelavega, o combinado autonómico quere homenaxear á figura de quen foi seu técnico durante case 25 anos. A primeira oportunidade de brindarlle un éxito chegará este venres no Team Relay, proba por equipos que o conxunto galego se adxudicou no 2019, a última vez que se disputou, con Sande como seleccionador.

Tras dous anos ausente no programa deste evento, a carreira por remudas Team Relay regresa ao Campionato de España con Galicia defendendo a coroa obtida en Pontevedra. A saída darase ás 16:00 horas e as seleccións autonómicas estarán representadas por un sexteto (formado por un cadete, un júnior, un sub23, unha muller, un elite e un máster) no que cada ciclista terá que completar unha volta ao circuíto. Esta competición será un aperitivo das probas individuais que se celebrarán na fin de semana.

A referencia para o ciclocrós galego sitúase nas dez medallas obtidas no 2021. A loita polos títulos de cada categorías arrancará na mañá do sábado cos grupos de idade máster masculinos. Andrés Calvete (Monte Xalo), que a partir das 10:45 horas entrará en acción na carreira máster-40, será o único corredor do combinado dirixido por Alberto del Río que tome parte nesta sesión.

Pola tarde chegará a quenda, ás 15:00 h., das mulleres máster e xunto a elas comparecerán as cadetes, categoría para a que Galicia seleccionou a cinco rapazas: María Filgueiras (Río Miera), Aroa Otero (Supermercados Froiz), Lorena Patiño (Compostelano), Iris Fernández (Maceda) e Marta Estévez (Supermercados Froiz). O programa do sábado pecharase cos cadetes masculinos (15:50 h.), unha carreira na que defenderán as cores da Federación Ciclismo Galego (FCG) sete rapaces: Tomás Pombo (Cambre), Martín Díaz (Caimanes Betanzos), Xoel Cidrás (XSM), Manuel Alonso (Os Esfola Arrós), Mauro Vega (Coruxo), Santiago Otero (XSM) e Gael García (Compostelano).

Domingo

A última xornada encargaranse de abrila os juniors. Ricardo Buba (Coruxo), Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) e André Martínez (Avanza-O Porriño) compoñen o trío de xuvenís galegos que ás 09:30 h. se porán en marcha. A continuación, ás 10:30 h., outros tres corredores do combinado autonómico estarán na liña de saída da competición sub23: Miguel Rodríguez e Fabián Rodríguez, ambos do Supermercados Froiz, e Borja Gómez (Ponteareas).

As dúas probas raíñas do campionato quedan para o final. Galicia contará con cinco corredoras dende as 11:55 h. na gran carreira feminina: as juniors Laura Mira e Uxía Soto, ambas do Supermercados Froiz, e Sarela Conde (Academia Postal-Abanca); a sub23 Carla Fernández (Team Farto-BTC); e a elite Irene Trabazo (XSM). O colofón en Xàtiva correrá a cargo dos elites masculinos, dende ás 13:00 h., con Samuel González (Máis Que Bicis) como representante do equipo galego.

A Selección da FCG leva varias semanas preparando este evento. O 11 de decembro desprazouse a Xàtiva para participar coas e cos juniors, máis o sub23 Miguel Rodríguez, na cita de categoría UCI C2 que tivo lugar no mesmo circuíto que acollerá o Campionato de España. Ademais, organizou durante este Nadal unha dobre xornada de formación e adestramento para cadetes e juniors no Porriño e na praia de Aguete en Marín, aproveitando este segundo escenario para practicar os treitos de area que poden marcar diferenzas no trazado valenciano.

Máis información 

GALERÍA DE FOTOS

A Selección de Galicia inicia o Campionato de España de Ciclocrós defendendo coroa
A Selección de Galicia inicia o Campionato de España de Ciclocrós defendendo coroa
A Selección de Galicia inicia o Campionato de España de Ciclocrós defendendo coroa
A Selección de Galicia inicia o Campionato de España de Ciclocrós defendendo coroa
A Selección de Galicia inicia o Campionato de España de Ciclocrós defendendo coroa
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es