Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Pablo Rodríguez e Uxía Soto elevan a catro o botín de medallas galegas en Candeleda

25 DE JULIO DE 2022

Prata para o elite do BH Templo Cafés e bronce da júnior da Selección de Galicia no peche do Campionato de España de XCO

Pablo-Rodriguez-e-Uxia-Soto-elevan-a-catro-o-botin-de-medallas-galegas-en-Candeleda

Tres xornadas intensas no competitivo e asfixiantes no atmosférico concluíron este domingo na localidade abulense de Candeleda cun botín de catro medallas para o BTT galego. O Campionato de España de XCO-XCE-TR 2022 baixou o pano coas carreiras da especialidade olímpica do Cross Country e os dous metais que os bikers autonómicos acadaran no Eliminator da véspera duplicáronse. O elite Pablo Rodríguez (BH Templo Cafés), segundo, igualou o seu mellor resultado na gran cita estatal e Uxía Soto (Selección de Galicia) fíxose co terceiro posto na carreira júnior.

A ponteareá, corredora de primeiro ano na categoría xuvenil, ocupou postos de podio dende a primeira das tres voltas. O parcial inicial completouno en segunda posición e foi no segundo xiro ao circuíto cando a adiantou Duna Rodríguez (Andalucía). Con Marta Cano (Catalunya) dominando con claridade dende o principio, Uxía Soto non deixou escapar o bronce na última volta e a representante da Selección de Breogán cruzou a liña de meta cun tempo de 1:09:11, avantaxando en 1’48” á cuarta clasificada Valeria Mouzo (Euskadi).

O resultado asinado pola corredora de Ponteareas nesta carreira supuxo a súa primeira presenza no caixón no Campionato de España de XCO e o metal conseguido en Candeleda engádese aos dous estatais que posúe na modalidade de ciclocrós.

En canto á carreira júnior masculina, a Selección de Galicia presentou a dous bikers. Martín Sestelo clasificouse 24º e Danny Buba, 50º.

Pablo Rodríguez

Cinco anos despois Pablo Rodríguez volveu conquistar unha medalla de prata na proba elite. O macedao do BH Templo Cafés igualou o seu mellor resultado no Campionato de España de XCO nunha carreira que comezou encabezando xunto a Jofre Cullell (Primaflor) durante a primeira das seis voltas. O dúo do ourensán e do catalán chegou a gozar dunha renda de 25 segundos respecto a David Valero (BH Templo Cafés), que buscaba o seu sétimo título, sexto de forma consecutiva.

O medallista olímpico en Tokio alcanzou ao seu compañeiro de equipo Pablo Rodríguez no segundo parcial. Cullell non resistiu o ritmo e o tándem do BH Templo Cafés foi ampliando a súa diferenza sobre Ismael Esteban (Dugan Team). Sentíndose máis cómodo nas zonas máis técnicas do trazado abulense, David Valero marchouse definitivamente en solitario na cuarta volta e rubricou a súa vitoria cunha vantaxe de 1’17”.

O actual campión de Galicia elite non tivo problemas para conservar o segundo posto e certificar o dobrete do seu equipo. A case 1’ do biker de Maceda, a 52”, terminou Ismael Esteban, terceiro. A medalla que recibiu Pablo Rodríguez no podio é o cuarto metal que se colga como elite no campionato estatal de XCO: prata no 2017 e bronce no 2016 e 2020.

Manuel Parada, o biker que luciu as cores do combinado autonómico na carreira raíña masculina, ocupou a 28ª praza na táboa elite, mentres que o día anterior, na proba sub23, Anxo Carril defendeu os intereses do equipo da Federación Ciclismo Galego e finalizou na 41ª posición. Pola súa banda, na competición elite feminina Lara Lois, a corredora da Selección de Galicia, tivo que retirarse. 

Deste xeito, o BTT galego despediuse de Candeleda cunha colleita de catro medallas despois de que na xornada do sábado Jorge Punzón (Cosmos) se proclamara campión de Eliminator ao impoñerse nunha final na que Danny Buba (Selección de Galicia) se adxudicou o bronce. O balance das bikers e dos bikers autonómicos no Campionato de España XCO-XCE-TR 2022 mellora substancialmente o do 2021, edición na que conseguiron un único metal.

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Pablo Rodríguez e Uxía Soto elevan a catro o botín de medallas galegas en Candeleda
Pablo Rodríguez e Uxía Soto elevan a catro o botín de medallas galegas en Candeleda
Pablo Rodríguez e Uxía Soto elevan a catro o botín de medallas galegas en Candeleda
Pablo Rodríguez e Uxía Soto elevan a catro o botín de medallas galegas en Candeleda
Pablo Rodríguez e Uxía Soto elevan a catro o botín de medallas galegas en Candeleda
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es