Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Damián Ramos, Mila López e Iván Montero suman éxitos na Extremadura European Paracycling Cup

29 DE MARZO DE 2023

Tres vitorias e dous segundos postos, balance galego no evento UCI C1 celebrado na provincia de Cáceres

Damian-Ramos-Mila-Lopez-e-Ivan-Montero-suman-exitos-na-Extremadura-European-Paracycling-Cup

A temporada de Ciclismo Adaptado en España abriuse a pasada fin de semana cunha cita internacional na provincia de Cáceres e tres paraciclistas da nosa comunidade obtiveron sobresaíntes resultados. Mila López (Neuroimpulse-Galicia) colleitou dous triunfos, Damián Ramos (Selección Española) asinou unha vitoria e Iván Montero (Neuroimpulse-Galicia) sumou dous segundos postos na quinta edición da Extremadura European Paracycling Cup, evento de categoría C1 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI).

O programa desta competición abriuse o sábado en Casar de Cáceres coas carreiras en liña e o domingo na capital da provincia estivo reservado para as contra o reloxos. Na clase WH4 a baionesa Mila López foi a gañadora da xeral tras vencer os dous días con claridade por diante da madrileña María Matilla (EntrenamientoCiclismo.com). 

A outra vitoria galega conseguiuna Damián Ramos na categoría C5 de bicicleta adaptada defendendo as cores do combinado estatal. O coruñés do Lasal Cocinas-Louriña respondeu á confianza do seleccionador español Félix García Casas impoñéndose o sábado na proba en liña por 42 segundos de vantaxe respecto ao murciano Sergio Arques (VicioBike). O podio completouno o castelanleonés Daniel Salazar (Stagiaires).

Pola súa banda, o tamén coruñés Iván Montero protagonizou un man a man durante toda a fin de semana na clase H5 co portugués Luis Costa, medallista en Campionatos do Mundo e de Europa. O representante do Neuroimpulse-Galicia rematou a 3"20 do luso na carreira do sábado, tras sufrir unha saída da cadea, e o domingo repetiu segundo posto na contra o reloxo, nesta ocasión a 3'27" do paraciclista da selección de Portugal.

A Extremadura European Paracycling Cup foi a primeira competición que a estrutura do Paraciclismo Galicia disputou coa denominación de Neuroimpulse-Galicia e a formación coruñesa meteuse no podio por equipos das dúas xornadas. Clasificouse terceira nas probas en liña e segunda nas contra o reloxos. 

Clasificacións

Fotos: RFEC / LP's Photograpy

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es