Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Ángel Suárez asina a sétima praza en Glasgow, o seu mellor resultado nun Mundial

06 DE AGOSTO DE 2023

Damián Ramos obtivo a oitava posición na persecución individual C4 da Pista Paralímpica

angel-Suarez-asina-a-setima-praza-en-Glasgow-o-seu-mellor-resultado-nun-Mundial

Foto: Francisco Javier Bandín

Dous galegos entraron en acción coas cores da selección española nos catro primeiros días do 'Súper Mundial' de Glasgow e ambos clasificáronse dentro do 'top-10'. O rider vigués Ángel Suárez acadou o seu mellor resultado nun Campionato do Mundo ao rubricar a sétima posición na final do Descenso Elite e o paraciclista coruñés Damián Ramos finalizou oitavo na proba de Persecución Individual en Pista da clase C4. Os outros dous representantes da nosa comunidade convocados polo combinado estatal para o macroevento que está celebrando en Escocia, o biker elite Pablo Rodríguez e o ciclista de estrada sub23 Carlos Canal, competirán o 12 de agosto.

No mítico circuíto de Fort William quedou de manifesto que Ángel Suárez está de volta. O piloto olívico de DHI rexurdiu, deixando atrás os problemas provocados por unha lesión. As boas sensacións da véspera na clasificatoria, na que rematou décimo quinto, ratificounas na final do sábado. O galego saíu con bastante antelación respecto aos seus principais rivais e realizou unha fantástica baixada que o levou a ocupar a cadeira quente durante boa parte da proba.

O seu rexistro de 4:29.211 estivo no primeiro lugar do electrónico ata que llo arrebatou unha hora despois o británico Charlie Hatton, quen acabaría facéndose coa vitoria. Suárez quedouse a tan so 1.2 segundos do podio e a 2.4" de lograr a medalla de ouro. O sétimo posto en Escocia situáse como a súa mellor actuación nun Mundial e devólvelle a confianza para o que resta de temporada. O catalán Pau Menoyo, o outro elite da selección española, concluíu 57º e na proba elite feminina a madrileña Zoe Zamora, recente gañadora do V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park, terminou 31ª.

imagen

Noutro espectacular escenario, no velódromo Sir Chris Hoy, debutou o mércores nun Campionato do Mundo de Pista Paralímpica o coruñés Damián Ramos. O corredor herculino asinou o mellor resultado de España na proba de Persecución Individual da clase C4. Cun tempo de 4:40.962 fixo oitavo na clasificatoria, seis postos por diante do madrileño Julio Bermejo (4:50.167). A participación do galego completarase coa súa presenza no Mundial de Paraciclismo en Estrada, que arranca o 9 de agosto. 

imagen

Clasificación DHI

Clasificación Persecución 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es