Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Veiga e Gándara completan a colleita de medallas galegas no Campionato de España de Pump Track

23 DE DICIEMBRE DE 2024

Os dous pilotos do Pontebike acadaron a prata e o bronce nos elite e sub-23 un mes e medio despois de que se disputaran o resto de categorías

Veiga-e-Gandara-completan-a-colleita-de-medallas-galegas-no-Campionato-de-Espana-de-Pump-Track

Foto: RFEC

O Campionato de España de Pump Track retomouse o pasado domingo en Torrevieja un mes e medio despois de que as condicións meteorolóxicas impediran o 3 de novembro a disputa de dúas categorías masculinas. Os elite e sub-23 e máis os júniores regresaron á localidade alacantina para xogarse os títulos que faltaban por dirimirse. Co vento facendo das súas, Sergio Veiga e Raúl Gándara lograron as medallas de prata e bronce, respectivamente, na proba raíña defendendo as cores do Pontebike Team. Dous metais que elevan definitivamente a dez o botín galego nesta cita que se tivo que celebrar en dúas entregas. 

Nun circuíto moi longo, diferente aos da nosa comunidade, o dúo do equipo de Ponteareas soubo adaptarse ás peculiaridades da pista para asinar un dobre resultado moi meritorio ante importantes especialistas estatais do BMX. Logo de irse ao chan na primeira serie, Sergio Veiga repetiu o segundo posto do 2023. O seu tempo na segunda serie quedou unicamente a unha décima do marcado polo vencedor elite e sub-23 Esteban Abad (Aragón). A nove décimas do mellor rexistro do novo campión rematou a súa volta rápida Raúl Gándara. Os dous representantes do Pontebike ocuparon a terceira e a cuarta praza scratch, táboa que encabezou o júnior Ángel Heras (Castilla-La Mancha) por preto de sete décimas de marxe. 

imagen

Sergio Veiga sinala que “na primeira quenda, xusto antes de saír, comezou a soprar o vento. Ía rápido, creo que para facer primeiro, e nun dos saltos do circuíto movéuseme a bici. Dinme un golpe bastante forte nun xemelgo. Despois, na segunda, saín un poco desconcentrado e na última recta saíume un ‘dobre manual’ que non tiña que ter feito. Tiven que cravar o freo e aí fóiseme todo o tempo”.

Pola súa banda, Raúl Gándara apunta que "o circuíto era moi esixente e podía irse moi rápido, pero tamén cometer erros por mor dos refachos de vento posto que era unha zona despexada e próxima ao mar. Sen estar acostumado a circuítos tan longos, tiven boas sensacións nos días de adestramento e, malia o vento e o cansanzo, puiden acadar o terceiro posto na competición".

A colleita de podios galega o 3 de novembro constara de catro títulos -obtidos pola cadete Ainoa Posada (Pontebike), a alevín Vera Rodríguez (Máster da Louriña), o máster-50B Antonio Piñeiro (Maese Ourense) e a súa compañeira de equipo máster-50 Rosa María López-, tres subcampionatos -os da elite Yuli Paola Rey (Kamikazes), a júnior Alba Fernández (Pontebike) e o alevín Daniel Díaz (Pontebike)- e da terceira posición de Leo Díaz (Pontebike) en Principiante. 

Máis información e clasificacións

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es