Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia

17 DE JULIO DE 2022

Saúl López selou o seu pleno de triunfos e dúas categorías cambiaron de líder na novena e última xornada

O-XCO-Kiwi-Atlantico-pon-un-doce-final-en-Ribadumia-a-Copa-Galicia

Fotos: Luz Iglesias

O Cross Country Olímpico autonómico celebrou a súa fin de festa este domingo en Ribadumia. O XCO Kiwi Atlántico puxo o doce final ao intenso calendario da Copa Galicia 2022, un certame no que en tres meses e medio se disputaron un total de nove probas. Co elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) como principal protagonista da temporada, ao asinar un pleno de vitorias, na novena e última xornada producíronse dúas variacións na nómina de trece bikers que se adxudicaron as clasificacións xerais das súas categorías.

O Club Ciclista Ribadumia organizou a segunda edición do seu XCO no circuíto de Lois, tendo como epicentro as instalacións de Kiwi Atlántico, e a calor afectou máis ao estado do terreo que aos ciclistas. O sol non quentou tanto durante a proba como nos días anteriores, pero as temperaturas tan altas rexistradas ao longo da semana provocaron que o percorrido presentara ‘zonas rotas’. Esa circunstancia causou un bo número de caídas, ningunha delas grave.

De bicar o chan non se salvou a júnior Uxía Soto (Supermercados Froiz), quen malia ese contratempo impúxose no seu grupo de idade e ademais cruzou a liña de meta antes que as elites nas tres voltas que ambas categorías deron ao circuíto. O triunfo na categoría raíña correspondeu, con remonta a incluída, a Eva Ortega (Extol) tras concluír a primeira volta por detrás de Irene Trabazo (XSM).

Na outra carreira feminina, a cadete, estaba o título da Copa Galicia en xogo. Aroa Otero (Supermercados Froiz) e Lorena Patiño (Compostelano-Muebles Compostela) chegaban empatadas a puntos e corredora do conxunto santiagués decantou a balanza ao seu favor erguendo os brazos en Ribadumia. Xunto a elas competiu a gañadora máster-40 Andrea Pousada (Poio Bike).

Nove de nove

Cunha solvencia similar á das oito anteriores xornadas, Saúl López certificou o seu pleno de triunfos na proba elite-sub23. O monfortino marchouse en solitario na primeira das cinco voltas e cun tempo de 1 hora 20 minutos e 32 segundos selou a súa nove vitoria noutros tantos eventos. Jorge Punzón (Cosmos), segundo clasificado, entrou a 2’26” e coa terceira praza fíxose Manuel Parada (Xesteiras). En canto aos sub23, o primeiro posto correspondeu a David Aragunde (Armenteira e Punto).

No resto do programa masculino había dúas xerais por decidir. Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) defendeu cun triunfo a súa condición de líder máster-30, mentres que nos máster-40 malia que Iván Pereira conseguiu a vitoria vestindo a camisola da Copa, ao segundo clasificado Marcos Mayo (BTT O Treito) bastoulle con facer segundo para adxudicarse o ranking, unha vez aplicada a corrección que permite eliminar o peor resultado da temporada. O cadro de gañadores da xornada completárono o cadete Alejandro García (Carballiño),o júnior Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) -cunha sensacional remonta despois de caer--, o máster-50 Rafael Rea (Ribadumia) e o máster-60 Jose Manuel González (Maceda).

Trece títulos individuais e un colectivo

A entrega de premios en Ribadumia tamén serviu como cerimonia de clausura da Copa Galicia XCO. As bikers e os bikers que lideraron as clasificacións xerais das súas categorías logo de novo xornadas foron Lorena Patiño e Alejandro García en cadetes, Uxía Soto e Martín Sestelo en juniors, Andrea García (Academia Postal-Maceda) e Anxo Carril (Coruxo) en sub23, Irene Trabazo e Saúl López en elites, José Carlos Sanmiguel nos máster-30, Silvia García (Bici Verde) e Marcos Mayo en máster-40, Manuel Castro (Toxo) nos máster-50 e José Manuel González nos máster-60. Ademais, o Academia Postal-Maceda obtivo o título por equipos.

A coroación das mellores e dos mellores deste certame autonómico coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) contou coa presenza como autoridades do alcalde de Ribadumia, David Castro; do Concelleiro de Deportes, Carlos Esperón; do xerente de Kiwi Atlántico, Carlos Vila; do presidente do Club Ciclista Ribadumia, Javier Pombo; do presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz; e do directivo da FCG, Óscar Sánchez. O pano do calendario galego baixouse na fin de semana anterior ao Campionato de España que terá lugar na Candeleda (Avila).

Clasificacións XCO Kiwi Atlántico

Sección da Copa Galicia XCO

GALERÍA DE FOTOS

O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
O XCO Kiwi Atlántico pon un doce final en Ribadumia á Copa Galicia
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es