27 DE MAYO DE 2024
Foto: Marcos Candia
O Enduro Monte Castelo exerceu por primeira vez de Campionato de Galicia e non foi a única estrea que se deu esta fin de semana en Burela. O naronés Marco Veiga, un dos mellores riders da nosa comunidade, engadiu ao seu palmarés un título que se lle resistía. O elite do CiclosQuintena marcou os mellore parciais nos seis treitos cronometrados dunha cita que repartiu un total de sete coroas.
A cuarta edición do evento organizado polo Club Cerezo Bikes reuniu na Mariña Lucense a un centenar de participantes que entraron en acción na tarde do sábado. Como aperitivo do día grande, celebrouse un treito urbano no que Veiga comezou a marcar diferenzas. Unha semana despois de adxudicarse as xerais elite e absoluta da Copa de España na Montefaro Enduro Race, o de Narón mellorou en 3 segundos o tempo do ferrolán Kevin Méndez (Rocasport) -que viña de vencer no peche do certame estatal- e rebaixou en 5” o rexistro do sub-23 asturiano Diego Menéndez (Cares Deva). Este tramo resultou máis decisivo do previsto porque Mauro González (Salvaterra de Miño), campión de Galicia elite nos tres últimos anos, abandonou despois de sufrir unha caída.
Pleno de scratchs
O percorrido de 28 quilómetros con 1.400 metros de desnivel da Enduro Monte Castelo Burela tiña reservado para o domingo cinco parciais cronometrados. Veiga fixo un pleno de scratchs e por primeira vez conquistou o Campionato de Galicia, tanto o elite como o absoluto. Fíxoo cun acumulado de 19 minutos e 42 segundos, vencendo por 20” de marxe . A segunda praza obtívoa o gañador sub-23 David Fernández (Avanza – O Porriño), que revalidou o título. Terceiro finalizou no evento lucense o sub-23 Diego Menéndez, a 25” do gañador, e esa mesma posición ocupouna na clasificación do campionato autonómico o elite Kevin Méndez.
O top-5 da proba pechouno o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), que conserva a camisola da Federación Ciclismo Galego do seu grupo de idade ao igual que o sexto clasificado, o máster-40 José Manuel López Vaqueiro (VigoEnduro). A sétima posición correspondeu ao sub-23 Marcos Estévez (VigoEnduro) e a oitava praza entre todos os participantes acadouna o novo campión júnior, Jorge Pérez (VigoEnduro).
A nómina de sete títulos complétase co local Álvaro García (Cerezo Bikes), novo campión cadete por 2” de diferenza respecto a Leo Álvarez (Pulpeiros Mugardos), e a emoción tamén foi máxima nos máster-50. Marcos Araújo (MRBikes) bateu por 1 segundo e 2 décimas a Jose Misa (Raposo), quen subira ao máis alto do podio o ano pasado.
En canto á competición feminina, sen camisolas do Campionato de Galicia en xogo ao non alcanzarse o mínimo de tres inscritas por categoría, a sub-23 asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike) impúxose nos seis treitos cronometrados cun tempo de 23’16”, avantaxando en 2 minutos a súa irmá, a júnior Natalia Menéndez (Cuetos Bike). A elite galega Desiree Fernández (RSBike) concluíu terceira. O Enduro Monte Castelo tamén contou con proba de e-bikes que se anotou Nicolás Carrera (Coruxo).
PODIOS CAMPIONATO DE GALICIA
Cadete
1. Álvaro García (Cerezo Bikes)
2. Leo Álvarez (Pulpeiros Mugardos)
3. Miguel Blanco (A Forna)
Júnior
1. Jorge Pérez (VigoEnduro)
2. Raúl Romero (A Forna)
3. Xurxo Campos (Monteneme)
Sub-23
1. David Fernández (Avanza - O Porriño)
2. Marcos Estévez (VigoEnduro)
3. André Martínez (Avanza - O Porriño)
Elite
1. Marco Veiga (CiclosQuintena)
2. Kevin Méndez (Rocasport)
3. Alejandro Pérez (Maese Ourense)
Máster-30
1. Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko)
2. José María Romero (Pontebike)
3. Carlos Núñez (Kamikazes)
Máster-40
1. José Manuel López Vaqueiro (VigoEnduro)
2. Borja Caneiro (Rocasport)
3. Pedro Dapena (CiclosQuintena)
Máster-50
1. Marcos Araújo (MRBikes)
2. Jose Misa (Raposo)
3. Ricardo Escudero (Poio Bike)
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es