Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Daniel Castellanos e Camille Balanche lévanse o triunfo no III DHI Pozo do Demo

29 DE ABRIL DE 2025

Tres vitorias en Máster e un total de oito podios galegos na proba da Copa de España disputada en Verín

Daniel-Castellanos-e-Camille-Balanche-levanse-o-triunfo-no-III-DHI-Pozo-do-Demo

Fotos: RFEC

O municipio ourensán de Verín foi escenario este pasado domingo 27 de abril da segunda proba da Copa de España de Descenso 2025. O III DHI Pozo do Demo contou coa participación de 200 pilotos entre os que o madrileño Daniel Castellanos (Planet MTB) e a suíza Camille Balanche foron os máis rápidos nas finais para facerse co triunfo final nun evento da clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI).

Os organizadores da proba, o Club Ciclista Bicicletas Chinquena Racing Team en colaboración co Concello de Verín, deseñaron un atractivo trazado de 1.780 metros de lonxitude e 340 metros de desnivel sobre o que vimos a algúns dos mellores especialistas do DHI dar un auténtico recital de manexo da bicicleta. 

O prometedor Daniel Castellanos foi o biker que completou a baixada máis rápida do día, cun rexistro de 2”44”852, que lle permitiu facerse coa vitoria por diante do tamén madrileño Ignacio García (Mondraker), que parou o crono en 2’47”198. O podio completouno o portugués José Borges, que realizou o descenso en 2’49”719. Héctor Quinteiro (Bici Verde-Bo Papel) obtivo o mellor resultado galego na categoría Elite e Sub-23 masculina ao marcar o quinto mellor rexistro: 2'53"914. Entre os dez primeiros tamén se meteron Víctor Mariño (X Bikes), sétimo, e Toni Ferreiro (Coruxo), oitavo. 

imagen

Camille Balanche, na final elite e sub-23 feminina, ofreceu un auténtico recital para levar a primeira posición con gran marxe tras asinar un tempo de 3’07”499. A batalla máis emocionante vivímola pola segunda posición, xa que a madrileña Kira Zamora (Galapagar) conseguiu a prata con 3’22”059, mentres que a catalá Mireia Pi (La Tribu) tivo que conformarse co terceiro posto tras lograr un tempo de 3’22”986. Alejandra Chapela (VK Bikes), a única representante da nosa comunidade, fixo sexta. 

O noso DH acumulou oito podios, tres deles protagonizados por gañadores nos grupos de idade máster. Iván Mourelo (DH Galicia) impúxose nos 30; Carlos Díaz (Ciclos Quintena) superou por dúas décimas a Manuel Baños (Bicicletas Chinquena) no duelo pola vitoria nos 40; e Miguel Ángel Pintos (Coruxo) apuntouse o triunfo nos 50 con Ricardo Escudero (Poio Bike) logrando a terceira praza, mesmo posto que pasa a ocupar na xeral da Copa de España. 

imagen

O caixón no Val de Monterrei tamén o pisou Mario Barreiro (Cerdedo-Cotobade) , terceiro nos cadetes, así como as riders Carla Hermida (Esmelle), segunda nas cadetes, e Alexia Santervas (A Forna), segunda nas júniores. En canto aos xuvenís masculinos, Marcos Castelo (Gráficas Lar) pechou o top-10

imagen

Por parte da Federación Ciclismo Galego participaron na entrega de premios o seu vicepresidente Óscar Sánchez e a seleccionadora Eva Castro. A terceira proba da Copa de España de Descenso terá lugar este próximo 18 de maio en Trapagaran (Biscaia).

Clasificación

 

GALERÍA DE FOTOS

Daniel Castellanos e Camille Balanche lévanse o triunfo no III DHI Pozo do Demo
Daniel Castellanos e Camille Balanche lévanse o triunfo no III DHI Pozo do Demo
Daniel Castellanos e Camille Balanche lévanse o triunfo no III DHI Pozo do Demo
Daniel Castellanos e Camille Balanche lévanse o triunfo no III DHI Pozo do Demo
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es