16 DE MAYO DE 2025
A Copa de España de XC Maratón regresa á acción este sábado 17 de maio coa segunda cita do seu calendario 2025, que será a XI Ruta do Lacón. A proba terá lugar na localidade pontevedresa de Cuntis, ata onde se desprazarán algúns dos referentes da modalidade a nivel estatal para loitar pola vitoria.
O Club de Montaña Xesteiras, responsable da organización da carreira, preparou con mimo, a partir da súa experiencia, un percorrido que levará aos participantes polos lugares máis singulares de Cuntis e os seus arredores. En total, o trazado da proba masculina contará con 76 km e 2.500 metros de desnivel con catro ascensións moi relevantes: Monte Xesteiras, Castro Arcos, Castro Sebil e Cádavo. As mulleres, pola súa banda, afrontarán 66 km con 2.200 metros de desnivel e realizarán as mesmas subidas coa excepción de Cádavo.
Como principais favoritas á vitoria postúlanse Natalia Fischer, dobre campioa de Europa da especialidade e vencedora da proba inaugural desta Copa de España de Maratón 2025, e Lara Lois, campioa de España de XCO en 2023. Na proba masculina, como nomes a seguir destacan os de Brandan Márquez, Raúl Rodríguez e Francisco Herrero, que é o actual líder da xeral desta Copa de España de XCM.
Na presentación oficial desta XI Ruta do Lacón, que tivo lugar na biblioteca municipal de Cuntis, estiveron presentes Manuel Campos, alcalde de Cuntis; Daniel Benavides, xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Isabel Couselo, xefa territorial de Cultura, Lingua e Xuventude; Tono Nartallo, presidente do Xesteiras; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; e Ricardo Martinez, deputado provincial.
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es