03 DE OCTUBRE DE 2025
Un total de 300 ciclistas participarán este domingo nun evento que vale por tres na localidade coruñesa de Carballo. O Club Ciclista Monteneme organiza, con saída e meta na Praza do Fórum, a primeira edición do Campionato de Galicia de Gravel, así como a XXI da Marcha Costa da Morte, unha proba que ofrece a opción da carreira de BTT Maratón e a non competitiva para cicloturistas. Trátase dunha xornada histórica para o ciclismo da nosa comunidade.
Unha modalidade en auxe no panorama mundial estrea Campionato de Galicia. Aínda que o Gravel Costa da Morte celebra a súa segunda edición, por primeira vez estarán en xogo as camisolas da Federación Ciclismo Galego dende a categoría Júnior ata a Máster-60. O pelotón estará composto por 129 ciclistas, unha cifra que confirma o tirón desta especialidade.
O percorrido será de 54 quilómetros, acumulándose 969 metros de desnivel positivo. O itinerario deseñado transita por corredoiras, camiños e pistas. As corredoras e os corredores comezarán a pedalear ás 9:45 horas.
Un cuarto de hora antes, ás 9:30 h, activarase a competición de BTT Maratón para 72 bikers. A Marcha Costa da Morte exerce de terceira e última cita puntuable para a Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM), un certame que tivo como anteriores desafíos dous eventos na provincia de Ourense: o Xurés Bike Tour, no mes de xuño, e o IV XCM Audi Selection Plus – Concello de Piñor, disputado o pasado domingo.
As clasificacións xerais resolveranse nun trazado de 70 km e 1.731 metros de desnivel positivo. Ata en seis rankings hai empate a puntos no máis alto da táboa. Esta proba tamén pertence ao calendario da Real Federación Española de Ciclismo. Toda a información sobre a Copa Galicia de XCM podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
O programa da xornada complétase coa alternativa cicloturista, que se porá en marcha ás 10:00 h e na que se pode elixir entre dous percorridos, un de 41 km e outro de 36.
GRAVEL
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es